Ponteareas contará cunha nova oficina de Smartpeme no centro da vila tras o acordo entre a Deputación de Pontevedra e o Concello

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou esta mañá as instalacións de SmartPeme en Ponteareas acompañada do deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, do alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e das persoas responsables de dous proxectos empresariais de éxito que recibiron asesoramento por parte deste servizo da institución provincial. Silva fixo balance dos resultados e funcionamento da oficina, “que está a realizar un traballo excepcional e que, dende a súa posta en funcionamento, realizou xa preto de 200 asesoramentos e organizou máis de 80 obradoiros sobre novas tecnoloxías nos que participaron preto de 250 persoas”. Por estes motivos, tanto a presidenta da Deputación de Pontevedra como o alcalde de Ponteareas confirmaron o inicio dos traballos para, nun prazo dun ano, impulsar a oficina co seu traslado ao centro da vila, para que sexa máis accesible á cidadanía, 

A oficina de SmartPeme en Ponteareas presta asesoramento ás comarcas do Condado e da Paradanta e, tal e como apuntou a presidenta da Deputación de Pontevedra, “Ponteareas tiña que ocupar un espazo central xa que estamos a falar dunha vila cun importante número de empresas que están, nestes momentos, iniciándose na transformación dixital”. Ao respecto, a presidenta da Deputación destacou que “Smartpeme ten por obxectivos achegar as novas tecnoloxías ás pemes para mellorar a súa competitividade, os seus beneficios, para que a actividade económica teña mellores resultados e tamén parar crear emprego”. 

Pola súa banda, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, agradeceu “o apoio da Deputación no emprendemento, na innovación e na creación de emprego, acompañando ás persoas emprendedoras na posta en marcha de iniciativas para crear emprego e actividade económica, malia á falta de competencias. Temos que crear oportunidades e apoiar as persoas que dan ese impulso cando máis o precisan”. Neste contexto, Represas manifestou que “traballaremos conxuntamente coa Deputación para situar á oficina de SmartPeme no centro da vila de Ponteareas, para que sexa máis accesible, e posicionala como un centro de innovación e emprendemento que queremos que estea en funcionamento nun prazo dun ano”. Neste contexto, cabe subliñar que a oficina de SmartPeme en Ponteareas realizou o ano pasado, con respecto ao 2016, o dobre de asesoramentos mentres que o número de obradoiros e de persoas asistentes aos mesmos chegou a triplicarse.

Durante a visita á oficina de SmartPeme en Ponteareas a presidenta da Deputación reuniuse coas persoas responsables dos proxectos empresariais “Nutre en Bio” e “Gaitas Eduardo Represas”, que foron asesoradas pola oficina en diferentes accións relacionadas coas novas tecnoloxías. No caso de “Nutre En Bio”, cooperativa de agricultura ecolóxica e sustentable, Carmela Silva reuniuse con Sara Cifuentes e Hermindo Álvarez que lle explicaron á presidenta o apoio recibido por SmartPeme “para poder aproveitar as novas ferramentas tecnolóxicas para mellorar a xestión da nosa cooperativa. Nós non tiñamos coñecementos de Internet e demos coa oficina que, entre outras cuestións, nos formou en contabilidade. Ademais disto, para nós foi fundamental que xunto á formación e ferramentas proporcionadas, SmartPeme nos acompañou en todo o momento para verificar que o estábamos a facer ben”. En concreto, a oficina da Deputación de Pontevedra, tal e como informou Carmela Silva, axudou á cooperativa na posta en marcha dunha plataforma de ecommerce, na mellora da relación cos clientes e xestión de stock, na posta en marcha dun posto con TPV e no lanzamento da imaxe corporativa.

Pola súa banda, Carmela Silva tamén coñeceu as solucións que SmartPeme lle achegou a Eduardo Represas e ao seu proxecto “Gaitas Eduardo Represas”, centrada na elaboración de gaitas galegas de forma artesanal. Represas informou á presidenta provincial que “buscaba mellorar a imaxe da miña empresa, que era anticuada, e tamén da páxina web que non se actualizaba axeitadamente e recibía poucas visitas”. Así, SmartPeme, tal e como puxo en valor a presidenta da Deputación, ofreceu asesoramento en marketing dixital, información para optimizar a plataforma web así como ferramentas de analítica web para monitorizar os resultados, a xeración de contidos a través do blog para a mellora do posicionamento e a incorporación de concursos e sorteos para gañar notoriedade. Nestes momentos, tal e como informou Represas, a páxina web atópase operativa e está a recibir pedidos desde o estranxeiro.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manifestou o seu orgullo e optimismo “porque SmartPeme é un proxecto fundamental para a economía do século XXI da man de grandes asesoras e asesoras que se poñen a carón das persoas emprendedoras e se converten no seu amigo e na súa amiga tecnolóxica, facendo un traballo extraordinario e convertendo ao proxecto nunha cuestión fundamental para o desenvolvemento futuro”. Así, Silva destacou que “o 90% das empresas que temos son pemes e o emprendemento é a fórmula que están a escoller cada vez máis persoas”.

“SmartPeme” é un programa da Deputación que oferta ás persoas emprendedoras, autónomas, ás asociacións e aos axentes de dinamización dos concellos, servizos personalizados para o desenvolvemento económico do tecido empresarial a través das tecnoloxías da información e da comunicación. Actualmente, este programa conta con sedes en Cambados, Pontevedra, Vigo, Lalín, A Estrada, O Porriño e Ponteareas desde as que se está a prestar servizo neste eido a toda a provincia a través da posta en marcha de itinerarios de obradoiros temáticos, da realización de asesoramentos personalizados, de eventos de networking con profesionais de prestixio, achegando kits en novas tecnoloxías, identificando as necesidades das pemes e impulsando novas carteiras de servizos de asesoramento.