Ponteareas contará con novos criterios para o reparto de postos de venda ambulante

O concelleiro de Comercio e Hostalería, Mario Lago, propuxo no Pleno do 20 de setembro a modificación da ordenanza reguladora de venda ambulante nos seus artigos 16 e 17 co obxectivo de racionalizar a concesión e distribución dos postos de venda ambulante no mercado semanal, así como ampliar o prazo de solicitude.

O edil de EU-Son, Lino Costas, fixo unha emenda á proposta no artigo 16 que foi integrada e aceptada no texto final da modificación

A modificación dos artigos 16 e 17 da ordenanza municipal sobre venda ambulante garante unha mellor distribución dos postos xa que cambia o sistema de adxudicación dos postos vacantes, así como amplía o prazo de solicitudes.

Deste xeito, cando as solicitudes superen o número de postos vacantes, a adxudicación realizarase mediante sorte público, quedando os adxudicatarios obrigados á venda do tipo de mercadorías contempladas no plano da feira aprobado polo Concello de Ponteareas. En ausencia deste, a obriga será do mesmo tipo de mercadorías que tiña establecida o posto vacante.

Ademais, os solicitantes que non obteñan adxudicación por falta de prazas formarán parte da lista de agarda do sorteo e poderán optar as novas vacantes que se produzan, seguindo o criterio de orde, que estableza o número de rexistro da solicitude.

O prazo de presentación da documentación correspondente á renovación ou novas solicitudes será dende o 1 de novembro ata o 15 de decembro, dúas semanas máis que na redacción anterior da ordenanza.

Esta modificación estará a exposición pública durante 30 días habiles desde a súa publicación no Boletín da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e no taboleiro municipal, aos efectos de presentación de reclamacións e suxerencias.