Ponteareas conmemora o Día de Galicia

Ponteareas conmemora o Día de Galicia

 

O acto celebrarase este sábado 24 de xullo ás 21.00 horas na sala multiúsos do Auditorio Municipal

 

O Concello de Ponteareas conmemora este ano o 25 de xullo, Día da Patria Galega, cun acto no Auditorio Municipal aberto a todo o público. A sala multiúsos acollerá o vindeiro sábado 24 de xullo a partir das 21.00 horas a cerimonia de celebración, na que estará presente a corporación municipal e representantes de distintos colectivos ponteareás e na que está convidado a participar toda a veciñanza.

 

A conmemoración comezará coa lectura de manifesto por parte da escritora ponteareá Susana Lamela. Profesora e psicopedagoga, Lamela exerce no CEIP Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas e destaca pola súa aposta pola introdución na aula das metodoloxías activas e pola súa aposta pola educación innovadora e inclusiva.

 

O acto rematará cunha actuación musical a cargo de Uxía, unha das grandes embaixadoras da música galega. Con máis de 30 anos de carreira artística renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás con morna, faro e ritmos brasileiros. Con máis de 12 discos e unha morea de premios ás súas costas, a cantante é directora artística e alma mater do Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré.