Ponteareas conmemora o 25 N con cultura e unha concentración

O Concello organiza o xoves a lectura dun manifesto e un recital poético e o domingo proxectará a película “Solo Mía” no Auditorio Municipal

O Concello de Ponteareas conmemora o 25 N, Día Internacional contra as Violencias Machistas, con cultura e unha concentración. Os actos comezan o xoves ás 12:15 horas coa lectura dun manifesto por parte de todas as forzas políticas da Corporación. Despois haberá un recital poético de integrantes de Versos de Area e alumnado de igualdade do IES Val do Tea, que van mostrar os traballos que están a realizar para denunciar “a violencia machista como un problema de estrutura social”. Ese mesmo día, ás 21.00 horas, a Asemblea Feminista de Ponteareas convoca unha concentración na Praza Maior ás 21.00 horas. 

 

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, explica que en “Ponteareas queremos reivindicar e denunciar a violencia machista coa voz da cultura da nosa mocidade e de toda a veciñanza”, e, por iso, “ampliamos a programación do 25 N ao domingo ás 19.00 horas coa proxección da película “Solo Mía” na Sala Multiúsos do Auditorio Municipal. Este filme, baseado nunha historia real, é a primeira película que abordou a violencia de xénero de maneira directa no cine español. 

 

A concelleira anima a toda a veciñanza a sumarse a estes actos e afirma que no Concello “sempre estaremos en pé na loita contra a violencia machista e contra a discriminación por sexo ou identidade sexual”.