O concello de Ponteareas incrementa o apoio ao festival Rock in Río Tea e posibilita a confirmación do cabeza de cartel. Grazas ao apoio do concello, á xestión da organización do festival e a relación estreita que mantén o líder do grupo con Ponteareas, a banda Gran Cañón actuará no mes de xullo na sexta edición.
A banda liderada por Carlos Tarque, da que forman parte músicos consagrados da escena nacional, foi sempre unha das aspiracións máis ilusionantes para a organización do festival.
A que posiblemente sexa a voz máis importante do Rock and Roll en español na actualidade, Carlos Tarque, mantén unha relación especial con Ponteareas, de onde é a súa nai e onde aínda reside boa parte da súa familia, feito que fai que poidamos gozar do músico e compositor sobre un escenario da vila e que sexa un orgullo para o Rock in Río Tea, converténdose no acontecemento musical máis agardado en moito tempo.
Carlos Tarque non chega só a Ponteareas. Faino cun auténtico “dream team” do Rock and Roll, Gran Cañón que conta nas súas filas con Leiva (Pereza) na batería e na voz, Julián Maeso ó piano e co seu inseparable órgano Hammond, Ovidi (Los Zigarros) na guitarra e na voz, Iván “Chapo” (M-Clan) ó baixo e Prisco (M-Clan) na guitarra. Unha banda incrible que repasará ós clásicos do Rock dos 70.
O festival de verán do Rock in Río Tea, que nesta sexta edición se celebrará o 21 de Xullo, é o colofón aos actos que a asociación ven celebrando durante todo o ano, e que pode levar a cabo grazas ó apoio do Concello e do comercio e hostelería de Ponteareas.
O seu programa de radio “Sempre Queda o Rock” leva 126 episodios percorrendo dende setembro a xullo os establecementos hosteleiros da vila ofrecendo radio e música en directo a partes iguais.
O Concurso de Bandas Rock in Río Tea, que ten lugar entre febreiro e abril e no que participan bandas de todos os recunchos da península, actualmente atópase inmerso nunha emocionante fase de semifinais que conducirá a dúas bandas á gran final do 7 de abril na que se decidirá a gañadora, que terá dereito a tocar no festival.
O Rock na Rúa, que leva o Rock and Roll aos mediodías dos sábados de xuño en colaboración cos establecementos hosteleiros de Ponteareas, é a antesala para o festival, e pretende levar o Rock en directo a toda a familia acercándoo a lugares e horarios pouco habituais, pero máis accesibles para todos.
Esta primeira confirmación virá seguida do anuncio de novas bandas que formarán parte dun gran cartel que se converterá no acontecemento musical do verán en Ponteareas.