
O Concello saca a contratación os traballos de drenaxe transversal nesta estrada que sufriu graves danos tras unhas choivas de forte intensidade
As obras, que contan cos permisos da Confederación Hidrográfica, serán financiadas ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra
O Goberno municipal do BNG-PSOE saca a licitación os traballos de drenaxe transversal na estrada municipal situada en Ponte Xil, na parroquia de Guillade, unha zona que sufriu graves danos tras unhas choivas de forte intensidade no ano 2021 que provocaron unha avenida de auga e o desbordamento dun regato que atravesa a estrada, imposibilitando a circulación de tráfico rodado e deixando incomunicados algúns núcleos de poboación.
“As últimas choivas do Nadal de 2022 empeorou unha situación que xa era perigosa tras a rotura das tubaxes de formigón que non permitían drenar o suficientemente o afluente do Uma”, salienta a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote. A edil recalca que “esta situación estase dando ademais noutros sitios polo incremento de temporais e de chuvias torrenciais, o que sumado á unha tubaxe insuficiente provocou esta problemática”. A concelleira agradece ademais “a paciencia da veciñanza da zona no prazo de realización desta obra dada a súa complexidade”.
As obras, que xa contan coa autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, saen a licitación por case 67.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra. Terán un prazo de execución de dous meses e permitirán construír un novo pontón que substitúa as tubaxes actuais, renovando todo o tramo do camiño afectado.
Para realizar esta renovación será necesario demoler todo o tramo afectado, polo que se realizará un desvío provisional do leito do río. O obxectivo é renovar o paso actual para volver poñer en servizo a estrada municipal, mellorando a seguridade viaria do camiño, aumentando a calidade do servizo e a comodidade dos veciños e veciñas.
O prazo de presentación de ofertas rematará o vindeiro 20 de febreiro.