Ponteareas comeza esta semana a contestar as alegacións ao PXOM

Q55A9406Os primeiros en recibir as contestacións serán os colectivos sociais das diferentes parroquias que presentaron alegacións de interese xeral

O documento estará dispoñible a partir de mañá na web municipal do Concello (www.ponteareas.gal)

O goberno local comeza esta semana a contestar as alegacións presentadas ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que foi recentemente aprobado de maneira provisional polo Pleno Municipal (tan só queda a aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia).

Trátase dun dos compromisos adquiridos polo goberno presidido por Xosé Represas e pola propia concelleira de Urbanismo, Chus Garrote, e que xa fora adiantado no pasado mes de xullo de 2015 por ámbolos dous representantes. A Lei do Solo non especifica, en ningún caso, que as alegacións deban ser contestadas, pero o goberno municipal considera que esta é unha cuestión de “responsabilidade e transparencia cos veciños e veciñas que presentaron alegacións”.

Os primeiros en recibir as contestacións serán os colectivos sociais das diferentes parroquias que presentaron alegacións de interese xeral, aos que se lle dará conta daquelas que foron estimadas e doutras que, por impedimento técnico ou legal, non o foron.

A partir do vindeiro mes de abril, o Concello porá en marcha un operativo para contestar as alegacións presentadas por particulares, de xeito que todas as persoas interesadas poidan consultar a información relacionada coas súas exposicións de maneira individualizada, pedindo cita previa. O consistorio disporá de persoal encargado de atender as peticións e informará, en tempo e forma, da apertura do prazo para pedir a devandita cita previa.

O texto refundido do Plan Xeral de Ordenación Municipal pode ser consultado na web municipal, a partir de mañá mércores, 9 de marzo, a través desta ligazón.