Ponteareas comeza a instalación do alumeado de Nadal

instalación-alumeado-nadal-1O casco urbano do Concello de Ponteareas está a ser testemuña estes días da instalación do alumeado das festas de Nadal e do equipo de son que permitirá gozar de música ambiente relacionada con esta festividade durante as vindeiras semanas. O goberno local prevé que as luces estean prendidas, como moi tarde, a partir do próximo 7 de decembro, adiantándose deste xeito ao inicio do alumeado que se viña realizando en anos anteriores.

Ponteareas iluminará un total de 22 rúas e avenidas, dúas prazas, tres rotondas, o mercado municipal e as dependencias municipais como a Casa do Concello ou as instalacións de Bombeiros e Policía Local. O goberno local encargou a instalación de varios tipo de artigos de iluminación: diversos carteis, arcos variados, motivos para adornar diferentes farois e algunhas árbores 3D de 2,50 metros de altura. No caso do son ambiental, a empresa encargada dos traballos instalará equipos de megafonía en 12 rúas e avenidas diferentes da vila.

Con esta decisión de adiantar o acendido das luces de nadal preténdese “favorecer e potenciar a actividade do comercio e da hostalería da vila”, asegura o goberno local, “consciente da importancia que teñen estas datas no desenvolvemento dun dos sectores con máis peso económico do concello”.