Arranca en Bilbao a “III Volta Solidaria a España” coa que o concello de Ponteareas colabora a través da concellería de Eventos que dirixe a tenente de alcalde Cristina Fernández.
Organizada pola asociación “Muévete por los que no pueden” en colaboración co deportista Marcos Bajo , a terceira volta solidaria chegará a Ponteareas o vindeiro 18 de outubro tras percorrer media España en modaliade duatlón.
Marcos Bajo, que ten unha discapacidade visual, realizará a diario durante 35 días unha maratón a pé e unha media maratón en bicicleta para dar a coñecer as enfermidades raras (ER), animar ás persoas con discapacidade a practicar deporte e eliminar as barreiras sociais achegando á poboación a realidade dos pacientes e dos familiares de ER.
A marcha, que rematará en Barcelona o 10 de novembro, tamén recadará fondos para a investigación destas enfermidades vendendo diferentes produtos de merchandising que se poderán adquirir o día da chegada a Ponteareas diante da casa do concello.
Esta marcha solidaria une a cinco centros de investigación en ER que foron becados en 2018 e 2019 por esta asociación.
Todo o que desexe poderá realizar unha compra solidaria na páxina web https://www.migranodearena.org/reto/20413/vuelta-solidaria-por-las-enfermedades-raras-tercera , fondos que se destinarán para a creación de axudas anuais á investigación “Muévete por los que no pueden”.
Xunto a Marcos Bajo irá o seu equipo de apoio, formado por Minerva González, Gregorio Jiménez e Roberto Calderón, todos eles persoas con algunha patoloxía.
O percorrido pode consultarse en https://mueveteporlosquenopueden.org/recorrido/
Cristina Fernández insiste na importancia destas iniciativas que visibilizan a un sector minoritario da poboación e que contribúen na achega de fondos para a investigación destas enfermidades. “Concienciar, sensibilizar e apoiar a estas familias é fundamental para construir unha sociedade en igualdade”.