Ponteareas celebrará unhas Festas de Setembro seguras e con máis de 30 propostas para todos os públicos

A programación inclúe propostas culturais e deportivas en diversos espazos da vila

 

O Concello de Ponteareas presenta o programa das Festas de Setembro para encher de cultura e de lecer a vila durante todo o mes. Máis de 30 propostas culturais e deportivas completarán unha oferta para todos os públicos, en todos os espazos da vila, e adicada a festexar con seguridade e diversión os seus días festivos. 

 

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, destacou que todas as actividades previstas están programadas para que todos os veciños e veciñas “desfruten dun mes de setembro ao grande”. “Queremos que as nosas rúas manteñan o dinamismo do verán e, por iso, presentamos unha oferta ampla na que calquera grupo de idade poderá atopar actividades do seu gusto”, concluíu a rexedora. 

 

O mércores 8 iniciaranse Os Remedios cun pasarrúas de xigantes e cabezudos e co posterior concerto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo. O xoves o público familiar poderá gozar co grande espectáculo do Mago Teto antes de que o  venres volva a música con Boyanka Kostova, que fará vibrar á mocidade nos centos de cadeiras habilitadas para toda a fin de semana no parque da Feira Vella. O sábado será a quenda dos ritmos verbeneiros do Sonoro Maxín, e o domingo 12 será Pelepau quen peche as festas dos Remedios. Todos os concertos serán gratuítos e terán capacidade limitada. As persoas interesadas poden adquirir as entradas a través da páxina web: https://www.eventbrite.es/o/concello-de-ponteareas-31045287367

 

Dada a inestable situación sanitaria, este ano non se celebrará tampouco a Feira Tradicional dos Remedios, que ateigaba antes da pandemia as rúas do centro urbano con varios miles de persoas.

 

A música do país seguirá sendo protagonista no mes das Festas, e Ponteareas vivirá na mañá do sábado 11 a 34º edición do Festival Folclórico do Condado con actuacións en diferentes puntos do centro urbano para evitar aglomeracións. O sábado 18 a vila será a capital galega da gaita coa 54º edición do Concurso de Gaitas do País, que se clausurará co concerto de Milladoiro ás 22:00 horas no parque da Feira Vella. 

 

A Volta Ciclista a Galicia será o evento deportivo máis importante do programa. Ponteareas será unha vez máis un dos espazos máis de referencia para o ciclismo galego. Entre os días 16 e 19 de setembro a vila do Tea acollerá dúas etapas da 19 edición da Volta Ciclista a Galicia: a inaugural, unha contrareloxo individual de seis quilómetros con saída e chegada no centro do municipio, e a segunda, que partirá dende Ponteareas e regresará a ela tras un percorrido de máis de 140 quilómetros polo concello e a comarca. Previamente, o 12 de setembro, celebrarase unha nova edición do Trofeo Ciclista Festas de setembro, que este ano será ademais o Gran Premio Borja Gómez Méndez.

 

A música de Tanxugueiras, A Banda da Loba, Grupo América ou Broken Peach, así como espectáculos para a infancia e o tradicional lanzamento de globos, formarán parte da celebración de San Miguel do 29 de setembro ao 3 de outubro para pór o broche ás Festas de Setembro en Ponteareas.

 

A celebración destas Festas conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da AGADIC, a través dos programas Musigal e Cultura no Camiño respectivamente.