O Concello de Ponteareas reorganiza o Centro de Información ás Mulleres para dar un servizo de maior calidade e adaptado á normativa actual.
O novo equipo do CIM, dirixido pola psicóloga Isabel Romero, proporcionará apoio e intervención a vítimas de violencia de xénero.
O Goberno local de Ponteareas vén de presentar, coincidindo coa conmemoración do Día da Muller, a reestruturación do Centro de Información á Muller, así como a programación de actos que, con periodicidade mensual e dirixidas a diferentes sectores da cidadanía, organizaranse co claro obxectivo de concienciar á sociedade da necesidade de acadar unha igualdade entre home e muller real e efectiva.
Nese sentido, a concelleira de Igualdade, Verónica Carrera, deixou claro que para a súa Concellería e para o Goberno local de Ponteareas “8 de marzo, son todos os días do ano, de aí que os actos que se desenvolvan para conmemorar esta data ocupen todos os meses de aquí a xuño”. A necesidade deste tipo de iniciativas son fundamentais, engadiu a concelleira “nestes tempos de involución nas políticas de igualdade e ante o relaxamento da sociedade ante un dos máis graves problemas aos que esta se enfronta”.
Actos de Igualdade nos vindeiros meses
A iniciativa de estender a programación de actos de igualdade e de homenaxe e empoderamento da Muller Traballadora ao conxunto do ano celebrando, cando menos, un acto mensual, comezará xa este vindeiro domingo 19 de marzo, co acto de homenaxe ás mulleres traballadoras, a proposta de distintos colectivos sociais. No mes de abril, o acto será o día 20 coa proxección do documental “Mulleres da Raia”, de Diana Gonçalves, sobre o contrabando local e a emigración clandestina. A raia, como se coñece popularmente a fronteira entre Galicia e Portugal, garda unha historia de loita diaria pola supervivencia na que as súas mulleres son protagonistas. Nos vindeiros meses están previstos outros actos dos que se irá dando conta.