Ponteareas aumentou o persoal dos Servizos Sociais para mellorar a atención á veciñanza

Ponteareas aumentou o persoal dos Servizos Sociais para mellorar a atención á veciñanza

 

O Concello conta dende as pasadas semanas con catro traballadoras sociais, o que permite intensificar a atención a usuarios e usuarias e iniciar novos programas

 

Durante o 2021 tramitáronse 149 axudas de emerxencia social municipal por un importe de máis de 100.000 euros e repartiu case 37.000 kg de alimentos a 163 familias

 

O Concello de Ponteareas reforzou nas pasadas semanas o departamento de Servizos Sociais coa incorporación dunha nova traballadora social ao seu cadro de persoal, un paso “histórico que nos permite continuar traballando para atender as necesidades da veciñanza. Por primeira vez Ponteareas conta con catro persoas neste servizo o que permite non só atender ás persoas usuarias que o poidan precisar, senón que tamén posibilitará iniciar novos programas cos que axudar aos veciños e veciñas”, asegura a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.

 

“A incorporación desta nova traballadora permitirá reducir o tempo de espera das citas á veciñanza, ao tempo que reforza o servizo urxente que se presta a aquelas persoas que, tras a valoración técnica da súa situación, non poden pasar a formar parte da lista de espera”, sinalou Carrera.

 

A edil de Benestar Social salienta os esforzos feitos dende o Concello para “aumentar o persoal destinado aos servizos sociais co obxectivo de dar a maior cobertura posible por parte das profesionais a todas aquelas persoas e familias que o precisen, unha cuestión de vital importancia sobre todo tras os problemas sociais que trouxo consigo a pandemia”. Así mesmo, Verónica Carrera adiantou que “dende o goberno local estamos traballando en continuar a reforzar o cadro de persoal para mellorar a atención prestada á veciñanza”.

 

Durante todo o 2021, os Servizos Sociais tramitaron 149 axudas de emerxencia social municipal que supuxeron un investimento de máis de 100.000 euros. Ademais, tamén se deu cobertura a 163 familias a través do Centro de Reparto de Alimentos Municipal, que fixo entrega o ano pasado de case 37.000 kg de alimentos. Para este servizo Ponteareas conta por primeira vez cunha partida específica de 15.000€ nos seus orzamentos que permite dar asistencia de forma íntegra a todas as persoas usuarias.