Ponteareas aumentará un 50% o gasto en axudas de emerxencia social

A Xunta de Goberno Local aprobou a proposta de orzamento para o 2016 antes de convocar a comisión de Facenda previa ao Pleno

goberno-municipalO executivo municipal de Ponteareas vén de aprobar na Xunta de Goberno Local a proposta dos orzamentos municipais para o ano 2016, que contemplan uns ingresos de 13.668.000 euros e uns gastos de 12.800.000 euros, “unha diferenza que vén dada por contar até agora cun orzamento desfasado (vense prorrogando dende o ano 2010) que non permitía dispoñer dunha situación contable axustada á realidade” asegurou o alcalde, Xosé Represas.

Coa aprobación do novo orzamento “a contabilidade pasará a reflectir a economía real das arcas municipais, pois neste presuposto tense en conta a regularización de situacións contables que estaban pendentes de efectuar tanto no capítulo de ingresos (1.185.855 euros) como no de gastos (máis de 400.000 euros)”.

Trátase dun “documento realista, debidamente planificado, que garante a estabilidade económica municipal que lle acabamos de presentar a todos os grupos da oposición antes de convocar a comisión de Contas e Facenda e que lle será amosado tamén, nos vindeiros días, a diversos colectivos sociais da vila, completando deste xeito as reunións que xa tivemos nas parroquias con diferentes asociacións do rural”.  Represas afirma que “estamos abertos a escoitar todo tipo de propostas que poidan mellorar o documento”, ademais de “estar dispostos a acadar o maior consenso posible”.

 

Orzamentos sociais

O presuposto elaborado polo goberno local “ten unha clara vocación social que se pode constatar en varios puntos”. O primeiro deles é o aumento dun “50% da partida relativa ás axudas de emerxencia social, que pasa de 60.000 a 90.000 euros”. A cantidade prevista para o ano anterior “xa fora suficiente para atender todos os casos así considerados por parte do Departamento de Servizos Sociais, pero con este aumento do 50% queremos cubrir tamén as situacións a maiores que o novo regulamento de emerxencia social terá en conta unha vez sexa aprobada en pleno a súa modificación”.

O material escolar tamén será tido en conta nas previsións orzamentarias a través dunha “partida de 20.000 euros para a creación dunhas bases que permitan adquirir libros e material escolar a aquelas familias que non teñen cobertura deste tipo a través doutras administracións”. Trátase dun compromiso que o goberno local xa adquirira nunha sesión plenaria.

Ademais, o goberno continúa cumprindo “o compromiso de promover medidas encamiñadas ao fomento do emprego no municipio, habilitando unha partida de 50.000 euros para subvencionar a creación de postos de traballo”.

 

Apoio a clubs deportivos e casas culturais

Os orzamentos tampouco esquecen de “dous piares fundamentais na cohesión social do concello, como son os centros culturais repartidos en múltiples parroquias do municipio e os diversos clubs deportivos que exercen a súa actividade na súa localidade”. O goberno prevé dúas partidas de “40.000 euros cada unha para subvencionar unha parte dos gastos derivados da actividade deste tipo de entidades”.

 

Gasto en persoal

O Concello gastará 5,5 millóns de euros en persoal, unha cantidade que contempla algunhas prazas que actualmente están vacantes. Os gastos correntes en bens e servizos suman 4,7 millóns nos que as partidas máis relevantes son a recollida e tratamento do lixo e enerxía eléctrica que suma 861.000 euros. Outra das partidas relevantes é a destinada ao pagamento de xuros de demora e outros gastos financeiros que suma 461.000 euros. Represas recordou que este orzamento incrementarase en 1,1 millóns de euros procedentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.