Ponteareas asina o convenio de adhesión á campaña “En Negro contra as violencias machistas”

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Mocidade, Verónica Carrera asinou o convenio “En Negro contra as Violencias 2018” que se porá en marcha con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Onte luns a concelleira de Benestar Social e Igualdade e a concelleira de Participación Cidadá, Cristina Fernández, estiveron na sinatura do protocolo de colaboración para o desenvolvemento da campaña En Negro Contra As Violencias’ que tivo lugar no Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela.

Verónica Carrera explica que esta campaña de sensibilización pretende chegar a todos os segmentos da poboación implicando dende a comunidade educativa ao comercio, colectivos sociais e veciñais, empresas…”a igualdade é cousa de todos e de todas, debemos cambiar costumes e actitudes, por iso é preciso involucrar a toda a poboación”.

O goberno de Ponteareas súmase a esta campaña na que ademais de executar as accións aportará o material e o apoio técnico preciso facendo que durante uns días Ponteareas se tinga de negro cor elexida pola campaña aínda que sexa a cor violeta a que representa esta necesaria reivindicación.