Ponteareas asegurará 5 metros de visibilidade nos pasos de peóns e vixiará que se respecten

Os traballos de reordenación xa executados e os previstos para o vindeiro mes eliminan os atrancos visuais como colectores ou vehículos a carón dos pasos

 

Desde hai décadas un gran número de pasos de peóns da vila de Ponteareas non cumpre coas condicións de visibilidade esibeis ao contar con atrancos visuais ao seu carón como vehículos estacionados ou colectores de lixo que non permiten observar con antelación dabondo ás persoas que se dispoñen a cruzar a calzada.

 

A concellaría de Mobilidade e Tráfico que dirixe Roberto Mera proponse rematar con esta situación para dotar de maior seguridade aos pasos de cebra, asegurando unha franxa mínima de 5 metros libres de atrancos visuais nas rúas con velocidade máxima inferior a 30 km/h. Nas que superan este límite a franxa amplíase até os 10 metros que establece a normativa estatal, como acontece na Avenida de Castelao, onde todos os pasos de peóns contan con cebreado de seguridade desde que se renovou a súa sinalización horizontal o pasado ano.

 

Nas actuacións realizadas recentemente no entorno do Mercado e Biblioteca Municipal habilitáronse cebreados de 5 metros tanto nos pasos de peóns existentes como nos de nova creación. Neses cebreados, situados antes dos pasos de cebra no sentido de circulación, non está permitido o estacionamento asegurando así a visibilidade das persoas que fan uso do paso de peóns. Nos traballos executados incluíronse catro pasos de peóns novos, algúns para o acceso a equipamentos públicos tan importantes como a Biblioteca ou o Conservatorio, onde non existían. No mes de setembro actuarase noutras seis rúas, entre elas Carballos, Castañal ou Paseo Matutino e todos os pasos de peóns existentes e novos contarán tamén con esa protección.

 

A concellaría explica que eses cebreados deben respectarse en todo momento e estacionar neles, por pouco tempo que sexa, é unha infracción grave e ademais un comportamento irresponsábel porque pon en risco a integridade e a vida das persoas.

 

A intención da concellaría de Mobilidade e Tráfico é que antes de xuño do vindeiro ano todos os pasos de peóns da localidade conten con esa protección. Ademais, aproveitando a próxima renovación de todo o alumeado público da vila, que acometerá a concellaría de Vías e Obras que dirixe a edil socialista Chus Garrote, mellorarase a iluminación dos pasos de peóns para reforzar máis a súa seguridade. A isto engadirase a creación de pasos de peóns sobreelevados nas rúas que se reformen e humanicen como forma de asegurar o calmado do tráfico e que se respecten os límites de velocidade.