Ponteareas arranxará o acceso a Cillarga e unha pista en Cumiar

As obras custarán máis de 87.000 euros e serán financiadas con cargo ao Plan Marco de Infraestruturas 2016

O Concello de Ponteareas acometerá traballos de pavimentación en 3 pistas diferentes “co obxectivo de resolver o problema de tránsito de vehículos que circulan a través de diferentes tramos na parroquia de Cumiar; no barrio de Cillarga, en Ribadetea; e no barrio de Mouro, en Padróns, mellorando a seguridade viaria nestas zonas e os accesos ás vivendas dos veciños destes barrios”, afirmou a edil de Vías e Obras, Chus Garrote.

O custo total destes proxectos ascende a 87.611,01 euros, os cales serán financiados a través do Plan Marco de Infraestruturas 2016, promovido pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Trátanse de pistas que serven como vía de comunicación co resto de barrios próximos e tamén co resto do Concello, o cal provoca que rexistren un tránsito de vehículos moi elevado e polo que “resulta primordial mantelos no mellor estado posible”, en palabras do responsable de Medio Rural, Manuel Troncoso.

Na pista de Cillarga, na parroquia de Ribadetea, ademais de ser o único acceso que teñen os veciños e veciñas deste barrio, “a actuación é especialmente urxente porque se trata dun camiño polo que circulan autobuses escolares”, recordou  Manuel Troncoso.

Os traballos en Cillarga permitirán aumentar o ancho da vía, arranxar o pavimento en mal estado da mesma e aumentar o traxecto asfaltado da pista. As actuacións nun pequeno tramo en Mouro “permitirán restablecer un pavimento completamente desgastado”; mentres que en Cumiar os traballos farán posible asfaltar por primeira vez un camiño “especialmente conflitivo cando se rexistran grandes cantidades de choiva, tal e como aconteceu nos últimos meses”, apuntou a concelleira de Vías e Obras.