As entidades deportivas poderán presentar nos vindeiros días as súas solicitudes durante quince días a partir da publicación da convocatoria destas no Boletín Oficial da Provincia (BOP)
O Concello de Ponteareas aproba por primeira vez unhas bases reguladoras da cesión do dereito de uso dos campos municipais de herba artificial Alfredo Bautista Alconero Rey, sito no Complexo Deportivo de Pardellas, e de Areas. O obxecto da convocatoria é ordenar as reservas nas instalacións deportivas municipais para o desenvolvemento de adestramentos e ligas oficiais, así como seu uso recreativo, durante a tempada próxima de 2016/2017, e vai dirixida a entidades deportivas con domicilio social no termo municipal de Ponteareas.
“Anteriormente era o propio concelleiro de Deportes o que decidía ao seu criterio os horarios de adestramento nas instalacións así como os equipos que nela adestraban. Esta forma de proceder e a inexistencia de criterios claros a hora de definir os horarios creaba numerosos conflitos entre o Concello e os clubs e entre unhas entidades con outras. A nosa idea é que non debe ser o concelleiro daquela o que decida os horarios, senón que ten que haber uns criterios obxectivos que sexan os que sinalen quen adestra, cando e porqué”, sinala Benito Márquez, concelleiro delegado de Deportes.
Ao obxecto de atender adecuadamente aos distintos colectivos de poboación interesados na práctica deportiva, poderán optar tanto entidades federadas como non federadas, aos que se lle reserva, a modo xeral, un 10 % dos horas de adestramento.
Entre os que criterios que se valoran nas bases, prímanse aquelas entidades deportivas que non teñan ningún campo propio de adestramento, a categoría da entidade e a promoción do deporte feminino, entre outros.
As bases foron aprobadas este luns en Xunta de Goberno por unanimidade dos seus membros, podendo presentarse as entidades interesadas unha vez a convocatoria saia publicada no Boletín Oficial de Pontevedra, para o que terán un prazo de 15 días para presentar a documentación requirida. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres. O Concello notificará no prazo duns dez días os horarios de adestramento e partidos as diferentes entidades beneficiarias.