Ponteareas aproba obras por máis dun millón de euros

O derradeiro pleno do Concello de Ponteareas neste mandato deu luz verde a obras por máis dun millón de euros a executar nos vindeiros meses.

Entre as obras aprobadas atópase a humanización da rúa Fernández Vega no tramo ubicado entre o Mercado Municipal e o Auditorio, por un importe de máis de 250.000 euros. A esta actuación súmanse as obras de acondicionamento do edificio do Conservatorio para mellorar o seu illamento e eficiencia enerxética, por case 400.000 euros. E por último, o Concello acometerá a primeira fase da rede de calor, cun importe superior aos 800.000 euros.

A humanización do entorno do Mercado e Auditorio suporá situar a un mesmo nivel os dous edificios, cun espazo peonil amplo en forma de praza, polo que poderán seguir circulando os vehículos a 20 km/h. O obxectivo é converter esa zona comercial nun lugar atractivo, agradábel e seguro, con mobiliario urbano como bancos, nova iluminación e arborado.

A rede de calor é unha iniciativa pioneira coa que os edificios municipais disporán de calor a través de biomasa, unha forma de incentivar o aproveitamento dos restos forestais dos montes da localidade e comarca.

En canto ao conservatorio, acometerase unha reforma integral do inmoble en materia de illamento con obras que permitirán gañar en eficiencia enerxética, aforrar en consumo de enerxía e mellorar a confortabilidade no interior do edificio.

Estas obras engádense as xa aprobadas no último semestre de humanización da vila como a Praza de Bugallal, Rúa Redondela, Rúa San Roque, Alto da Gloria ou entorno da piscina municipal e centro de saúde, que se atopan en fase de licitación e adxudicación e que conlevan un investimento global de máis de tres millóns de euros.