Ponteareas aproba “o PXOM de todos”

O documento contou con 16 votos a favor, 3 abstencións e 1 voto en contra en medio dunha gran expectación

Q55A330513 anos máis tarde do inicio da súa elaboración, Ponteareas xa ten Plan Xeral de Ordenación Municipal. O documento final presentado no pleno extraordinario do martes, 2 de febreiro, para a aprobación provisional do mesmo (aínda debe ser ratificado pola Xunta de Galicia nos vindeiros meses), contou con 16 votos a favor (BNG, PSdeG- PSOE e PP), 3 abstencións (ACiP e A Riada do Tea), e 1 voto en contra (EU-Son).

Trátase dun Plan cuxa aprobación “era urxente, pois permitirá dotar de seguridade xurídica a miles de vivendas que levaban moitos anos fóra de ordenación , asemade, brindar legalidade á situación irregular de diferentes empresas, co consecuente mantemento de moitos postos de traballo”, sinalou na sesión plenaria o alcalde ponteareán, Xosé Represas.

O PXOM e a súa aprobación “foi unha obsesión para este goberno dende o pasado mes de xuño, pois eramos e somos conscientes da súa enorme relevancia”. Un goberno que, se ben non levou a cabo mudanzas de fondo, “si efectuou cambios importantes que melloraron o documento e que foron plenamente consensuados con todos os grupos da Corporación”.

Represas salientou precisamente “o consenso e a utilidade dun Plan que modificará o rumbo en Ponteareas durante os vindeiros 20 anos e que supón o primeiro paso para poñer en marcha a redacción dun Plan Parcial que posibilite a creación dunha Área Industrial ambiciosa no Parque Empresarial da Lomba”. O alto consenso permite e alta participación permiten asegurar “que se trata do PXOM de todos, pois houbo aportes de moitos grupos políticos, colectivos sociais e veciños”.

O rexedor destacou tamén a relevancia desta aprobación polo “desbloqueo que vai supor para moitos proxectos de absoluta prioridade no concello, como é por exemplo a nova Escola Infantil, para a que o Plan prevé unha parcela dotacional na rúa Trobador Xoán García de Guillade.

Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, Chus Garrote, presentou o Plan como un documento “enormemente necesario para Ponteareas, avalado polo informe xurídico que o acompaña, que os cidadáns merecen por levar demasiado tempo esperando que non é, en ningún caso, un texto dogmático, pois poderá ser corrixido as veces que fagan falta”.