Ponteareas amplía o horario de zona azul na contorna do Mercado Municipal para aumentar a oferta de aparcamento

Dende o luns 15 de novembro  as rúas A Estrada, Morales Hidalgo, Fernández Vega e A Perillana terán estacionamento limitado gratuíto polas tardes, de 16.00 a 20.00 horas

 

O Concello continúa traballando para dispoñer dun mellor reparto do espazo público para estacionar, ofrecendo alternativas para que todas aquelas persoas que necesiten desprazarse ata o centro da vila en coche poidan aparcalo e realizar diferentes xestións administrativas, mercar, acudir a actividades… Por este motivo, dende o vindeiro luns 15 de novembro ampliarase o horario de estacionamento limitado e gratuíto na contorna do Mercado Municipal ao horario de tarde. A duración máxima do estacionamento pasará ademais da hora e media actual a dúas horas. Con estas medidas aténdese unha reiterada demanda de comerciantes e consumidores.

 

“O estacionamento é necesario para facilitar a actividade económica e a vida diaria das persoas que só poden acudir á nosa vila en vehículo de motor. Por este motivo estanse a implementar medidas coas que incrementar as prazas de estacionamento e a súa dispoñibilidade, como a ampliación do horario da zona azul nas rúas arredor do mercado, multiplicando as prazas de aparcamento dispoñíbeis”, salienta o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera.

 

Deste xeito, dende o vindeiro luns o estacionamento limitado gratuíto nas rúas A Estrada, Morales Hidalgo, Fernández Vega e A Perillana funcionará tamén polas tardes. Así, o horario da zona azul será os días laborábeis de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e os sábados de 09.00 a 14.00 horas. Neses horarios un mesmo vehículo só poderá ocupar a mesma praza de aparcamento un máximo de dúas horas en cada quenda, de mañá e de tarde. Ademais, como complemento, crearanse dúas prazas de parada dun máximo de 10 minutos sen ticket na rúa Fernández Vega que faciliten á veciñanza xestións e compras rápidas.

O concelleiro de Mobilidade asegura que “con esta medida repártese de forma racional e equitativa o espazo existente, aténdese mellor a demanda das persoas que precisan acudir en coche a Ponteareas e evítase que os mesmos vehículos acaparen durante moitas horas os aparcamentos públicos”.