Ponteareas amplía o estacionamento limitado gratuíto á Avenida de Galicia e Rosalía de Castro e a un tramo da rúa dos Carballos

Ponteareas amplía o estacionamento limitado gratuíto á Avenida de Galicia e Rosalía de Castro e a un tramo da rúa Carballos

 

A medida demandada por sector comercial e consumidores multiplicará por cinco as prazas dispoñíbeis pasando de 120 a 600 ao longo do día

 

O Concello segue a poñer en marcha medidas para un mellor reparto do espazo público para estacionar en Ponteareas, ofrecendo alternativas para as persoas que precisan desprazarse até o centro da vila en coche. Atendendo á demanda do sector comercial e consumidores o Concello iniciou os traballos para ampliar o estacionamento limitado gratuíto (coñecida como zona azul) á Avenida de Galicia, Avenida Rosalía de Castro e primeiro tramo da rúa dos Carballos. Ao longo desta semana dotarase a estas rúas de sinalización vertical e horizontal e parquímetros. A medida entrará en funcionamento o vindeiro 29 de novembro.

 

A implantación da zona azul permitirá multiplicar por cinco o número de prazas dispoñíbeis nestas rúas e avenidas, que pasarán de 120 a converterse cada día en 600 prazas ou máis, dependendo do tempo de ocupación, “permitindo repartir o espazo entre máis persoas que o precisan”. Segundo os estudos do Concello, actualmente o 80% das prazas dispoñíbeis son ocupadas de forma permanente ou durante moitas horas polos mesmos vehículos, “impedindo que outras persoas que o precisan poidan aparcar para facer xestións, compras ou actividades de menor duración”. “O estacionamento é necesario para facilitar a actividade económica e a vida diaria das persoas que só poden acudir á nosa vila en vehículo de motor, por iso é tan importante habilitar medidas que permitan un reparto racional e equitativo do espazo existente”, salienta o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera.

 

Deste xeito, a partir do 29 de novembro a Avenida de Galicia, Rosalía de Castro e a rúa dos Carballos contarán con estacionamento limitado gratuíto os días laborábeis de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e os sábados de 09.00 a 14.00 horas. Neses horarios un mesmo vehículo poderá ocupar a mesma praza de aparcamento un máximo de dúas horas en cada quenda, de mañá e de tarde.

 

Ao mesmo tempo, aquelas persoas que precisen un tempo de estacionamento máis prolongado poderán deixar os seus vehículos nos aparcadoiros sen limitación horaria máis próximos, todos eles a menos de 3 minutos andando: Granitos de Galicia, con 133 prazas; Santa Ana, con 100; Pedra Pequena, con 69 prazas; Sarmiento Rivera con 180 prazas; Rosalía de Castro con 128 prazas e Alexandre Bóveda  con 32 prazas, así como no resto de rúas próximas sen zona azul.