Ponteareas adianta a súa Semana das Ciencias

Ponteareas adianta a súa Semana das Ciencias

 

O Concello organiza do 21 ao 25 de marzo a sexta edición baixo o título ‘Sostibilidade e cambio climático’

 

O Concello de Ponteareas organiza unha nova edición da súa Semana das Ciencias, coa que se busca brindar ao público a oportunidade de coñecer da man de expertas e expertos universitarios os misterios da ciencia. Para concretar a programación, a alcaldesa e responsable de Ensino, Cristina Fernández Davila, reuniuse co profesorado dos centros educativos da vila.

 

A sexta edición da Semana das Ciencias, que levará por título ‘Sostibilidade e cambio climático’, terá lugar do luns 21 ao venres 25 de marzo. Durante estes días Ponteareas volverá achegarse á ciencia da man de profesores como Juan Picos, Enrique José varela, Xana Álvarez, Pilar Piñeiro, Raquel Pérez-Orozco ou Xabier Prado, entre outros moitos científicos e científicas que completarán o cartel, tal como llo trasladou a rexedora aos centros de ensino durante o encontro de traballo.

 

“O obxectivo é achegar a ciencia á cidadanía e facela próxima, amosando a súa utilidade, a necesidade que temos dela e o bo desenvolvemento do noso día a día. Pero esta semana de actividades tamén permite dar visibilidade ás nosas científicas e científicos, conectándoos co público, coa comunidade escolar e con toda a nosa veciñanza”, explica a rexedora.

 

Como cada ano, a programación da Semana das Ciencias virá cargada de actividades para todos os públicos. O alumnado de primaria e secundaria participará nas conferencia a cargo de profesorado da Universidade de Vigo e xogará coas matemáticas e a xeometría da man de Xabier Prado e tamén poderá visitar exposicións como a da Maleta dos Océanos. Pola súa banda, estudantes de secundaria realizarán unha saída didáctica polo río acompañados de guías. Mentres, o profesorado terá un seminario no que poderán levar á práctica os coñecementos teóricos adquiridos na edición anterior da Semana das Ciencias.

 

Para os máis pequenos e pequenas e para as súas familias a programación contempla un obradoiro que, se a climatoloxía o permite, terá lugar no parque da Perillana.

 

Para toda a veciñanza volverá o ciclo de conferencias polas tardes a partir das 19.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal e a feira das ciencias, que encherá prazas e rúas de actuais e futuros científicos e científicas dispostos a sorprender cos seus experimentos.

 

Os e as científicas locais tamén estarán presentes na Semana das Ciencias, tanto aqueles e aquelas que traballan e desenvolven a súa actividade fóra de Ponteareas como os e as que apostaron polo concello para emprender e investigar.

 

Tras esta reunión, o Concello ultima detalles para pechar a programación e presentala á veciñanza.