Ponteareas adaptará a súa rede Wifi á Lei Estatal de Telecomunicacións

O Concello prestará este servizo de maneira gratuíta en parques públicos, edificios municipais e bibliotecas públicas

O Concello de Ponteareas acometerá, este mesmo mes de xaneiro, as actuacións precisas na rede Wifi municipal para adaptarse ao especificado na Lei Xeral de Telecomunicacións, cuxa modificación foi aprobada recentemente no Congreso dos Deputados.

Entre as mudanzas recollidas no novo texto figura “a prohibición da explotación do servizo por parte das Administracións Públicas, de modo que quedan excluídos da cobertura ofrecida polas mesmas os edificios e conxuntos de edificios de uso residencial ou mixto”, ademais da “limitación da velocidade red-usuario a 256 kbps naquelas zonas onde se poida prestar o servizo: parques públicos, edificios municipais e bibliotecas públicas”, tal e como especifica o informe elaborado polo departamento de Informática do Concello despois de recibir asesoramento por parte dos servizos xurídicos da Deputación de Pontevedra. Será posible consultar o documento completo que entregaron os servizos xurídicos da Deputación a semana que vén na web municipal www.ponteareas.gal.

No caso de Ponteareas, os lugares nos que será posible conectarse á rede Wifi Municipal serán a Praza da Igrexa (contará cun novo punto de acceso ademais do que xa existe); a Praza Maior (contará cun novo punto de acceso ademais do que xa existe); Praza da Música (manterá o punto de acceso existente); o Parque das Pombas (contará cun novo punto de acceso ademais do que xa existe); o Parque da Perillana (contará cun novo punto de acceso, até agora non existía ningún); Casa do Concello (manterá os dous puntos de acceso situados na parte dianteira e traseira da Casa Consistorial).

Benito Márquez, concelleiro de Novas Tecnoloxías, afirma “ser consciente da problemática que para moitos veciños vai supor esta nova lei”, e sinala que “as severas restricións impostas ás administracións máis próximas á cidadanía para ofrecer este servizo é causada pola baixada de pantalóns do goberno de Mariano Rajoy, que con esta lei se puxo aos pes dos operadores privados de telecomunicacións”.

Unha vez máis, sinala o edil pontearán, “o PP púxose de lado das grandes multinacionais en contra dos intereses dos veciños, e dende o goberno municipal non podemos facer outra cousa que adaptarnos á lei, como dixemos que faríamos no pacto de goberno asinado polas tres forzas a comezos desta lexislatura”.

O goberno local está estudando a posibilidade de colocar, no futuro, mobiliario urbano intelixente que ofreza Wifi gratis naqueles lugares nos que, tal e como marca o novo texto lexislativo, non se poida instalar as antenas.