Ponteareas actualiza a información sobre o avance da pandemia e as súas restricións

O número de casos activos é de 71. Reabren as instalacións deportivas, actividade sociocultural e as feiras e mercados

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a tenenta de alcalde e concelleira de Saúde, Cristina Fdez. Davila, mantiveron este xoves un novo encontro virtual coa Xerencia da Área Sanitaria de Vigo e a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade para analizar a evolución da pandemia na localidade e as medidas a aplicar dende esta fin de semana.

 

Sanidade informounos que o número de casos activos neste momento en Ponteareas é de 71”, sinalou Represas, lembrando que “na situación actual, a Xunta xa nos está facilitando os datos, polo que dende o Concello consideramos que debemos trasladar tamén esa información á veciñanza”.

 

No encontro, Sanidade manifestou a “suavización” das restricións por parte da Xunta, que se fará oficial coa súa publicación do DOG. A nivel local, o executivo lembrou que dende as 15 horas deste venres quedará sen efecto o Decreto municipal actualmente en vigor, aplicándose dende ese momento unicamente as medidas establecidas pola Xunta de Galicia.

 

Estas decisións implican que a hostalaría poderá permanecer aberta ata as 17h, unicamente cun aforo do 50% nas terrazas e con grupos de máximo catro persoas, conviventes ou non. Ademais, seguindo as medidas estipuladas de limitacións de aforo, poderán retomarse as actividades formativas e eventos nos centros socioculturais, así como a actividade habitual da Biblioteca Municipal e a ludoteca. Tamén reabrirán as instalacións deportivas municipais, onde se deberán seguir os protocolos establecidos, e dende este sábado retomarase a actividade nas feiras e mercados. Así mesmo, e ata novo aviso, o Concello manterá a supresión das visitas á Residencia de Maiores Municipal.

 

Os grupos de persoas non conviventes, tanto en espazos públicos como privados, serán dun máximo de catro persoas, o que afecta tamén ás vivendas. “É fundamental cumprir co distanciamento social, o uso da máscara, as medidas de hixiene e a limitación de encontros”, sinalou o goberno ponteareán, lembrando que, segundo se manifestou na xuntanza, “o 80% dos contaxios proceden de encontros entre persoas

 

non conviventes en espazos do ámbito privado, como as vivendas, nos que as persoas se confían e relaxan as precaucións”.

 

No transcurso da reunión, Sanidade indicou que coordinará coa Dirección Xeral de Emerxencias a vixilancia do cumprimento das restricións e das medidas de seguridade e prevención. O alcalde ponteareán trasladoulle á Xunta a total disposición do goberno de Ponteareas para colaborar nos dispositivos de seguridade, así como na realización de PCR masivas á poboación da localidade.

 

Xosé Represas lembra a necesidade de “non relaxarse ante a pandemia, e seguir actuando con prudencia e responsabilidade para cumprir todas as indicacións que poidan reducir a incidencia da COVID-19”.