Ponteareas acomete a reparación da rede de saneamento en varios “puntos negros” do núcleo urbano

O Goberno local acometeu actuacións de urxencia con fondos propios e con cargo ao Plan Concellos da Deputación para rematar coas verteduras de augas fecais.

O Concello de Ponteareas vén desenvolvendo, nas últimas semanas, obras de reparación dos colectores xerais de saneamento en diversos “puntos negros” do núcleo urbano de Ponteareas, de cara a acadar a súa recuperación medioambiental, mellorar os seus espazos públicos e “facer de Ponteareas un lugar cun hábitat saudable” sinala o alcalde de Ponteareas e responsable de Medio Ambiente, Xosé Represas.

Unha das actuacións máis urxentes acometidas polo Goberno local foi a carón do parque infantil da urbanización Lamazáns onde, unha rotura da canalización provocou recentemente a inundación dun  garaxe con augas fecais. Nesa zona procedeuse á substitución de preto de 60 metros de tubaxe de formigón por outra nova de PVC de 400 mm de diámetro e a instalación dunha arqueta prefabricada.

Instituto Pedra da Auga

Na zona contigua á urbanización Lamazáns existía “unha auténtica cloaca con filtracións de fecais”, sinala Xosé Represas que explica que xa o pasado ano “provocou que ditas verteduras acabaran no patio do instituto”.

Dadas as posibles repercusións para o medio e a saúde poden ter estes feitos, o Goberno local incorporou a obra de substitución da canalización desta zona na que se producira o problema nas actuacións a desenvolver ao abeiro do Plan Concellos da Deputación.

Os traballos realizados nestes días consistiron na colocación de 180 metros de tubaxe de PVC de 400 mm de diámetro e 4 novas arquetas prefabricadas que mellorarán o rendemento da rede e evitarán novas verteduras.

Do mesmo xeito houbo que acometer, de xeito urxente, os traballos de reparación das canalizacións na saída do núcleo urbano, na estrada de Salvaterra, nunha conexión oculta e atascada. Nese punto foi precisa a utilización dun “topo”, para a obra que cruza a calzada, colocándose un total de 20 metros de tubaxe no cruce da estrada e outros 30 metros unha vez pasada a mesma. Foron, en total, 50 metros de tubaxe de 315 mm de diámetro para conectar a canalización ao colector xeral. Soluciónase deste xeito, e de forma segura, un problema que dábase con frecuencia nesta zona na que existe un centro escolar e outros servizos e instalacións de hostalería.

Finalmente, nas inmediacións do Pavillón de Deportes, houbo que reparar “outra desfeita no saneamento que provocou verteduras de fecais”, apunta o Concello, nesa zona detectouse o afundimento de 5 tubos de formigón de 40 cm de diámetro que foron substituídos por canalizacións de PVC e un diámetro de 50 cm, quedando reparada a vertedura con plenas garantías.

O alcalde, Xosé Represas, afirmaba rotundamente que o Goberno local “ten o obxectivo e a determinación de rematar coas verteduras de augas fecais en moitas zonas do subsolo de Ponteareas”. Nos traballos, engade o alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, “é prioritario a substitución dos tramos de colectores desfeitos de cara a rematar con calquera tipo de vertedura”.

O alcalde de Ponteareas que achacou os problemas “a unha falta de planificación urbanística e das redes de saneamento” engadiu que no seu día as obras “fixéronse sen control e cunha clara falta de mantemento durante anos, unha desfeita que agora nos sae moi cara a todos os ponteareáns”.