Ponteareas acomete novos traballos de mellora da seguridade viaria e da mobilidade

 

Paso de peons entre Reveriano Soutullo e Constitucion. Retirada de colectores substituídos por aparcadoiro de motos e cebreado para visibilidade dos peons.

Paso de peons entre Reveriano Soutullo e Constitucion. Retirada de colectores substituídos por aparcadoiro de motos e cebreado para visibilidade dos peons.

Paso de peons detràs do concello. Cebreado de visibilidade do paso de peons e nova ubicacion da praza de mobilidade reducida.

Paso de peons detràs do concello. Cebreado de visibilidade do paso de peons e nova ubicacion da praza de mobilidade reducida.

Durante o 2020 creáronse 25 pasos de peóns novos e dotouse de zonas de visibilidade ao 95% de todos os pasos existentes

A concellaría de Mobilidade e Tráfico que dirixe o concelleiro Roberto Mera iniciou novos traballos de mellora da seguridade viaria e da mobilidade en máis de 30 rúas da vila.

 

As actuacións que se están desenvolvendo consisten no repintado de máis de 30 pasos de peóns e na creación de 10 novos pasos que se suman aos 15 creados en meses anteriores. Tamén se están habilitando zonas de visibilidade a carón de 20 pasos de peóns que hoxe en día carecen deles e son perigosos para os viandantes ao ter atrancos visuais como vehículos estacionados ou colectores de lixo. Con esta actuación, que se suma a outras realizadas ao longo de 2020, o concello estima que o 90% dos pasos de peóns da vila contan xa cunha franxa de visibilidade de 5 metros de longura que permite que os peóns, antes de cruzar, poidan observar con antelación os vehículos que se achegan e ser observados tamén polas persoas que os conducen. “Resolvéronse puntos especialmente perigosos como na Avenida de Galicia detrás do Concello ou en Reveriano Soutullo con Constitución, onde existía un risco elevado de atropelo por falta de visibilidade dos pasos de peóns, ocultos por colectores ou coches”, salienta Mera.

 

Por outra banda, melloráronse unha ducia de prazas de estacionamento de persoas con mobilidade reducida. Neste caso, as prazas dotáronse dos cebreados de transferenza, até agora inexistentes na maior parte das prazas destas características, e que facilitan o acceso das persoas usuarias aos seus vehículos. Algunhas tamén foron reubicadas en localizacións máis axeitadas e ademais creáronse varias prazas novas. Esta actuación súmase á realizada en doce prazas máis nos meses anteriores.

 

Ademais, a sinalización vertical de limitación de velocidade a 20 km/h situada nas entradas da vila reforzouse agora co pintado da mesma sinalización sobre a calzada.

 

Estes traballos remataranse no mes de decembro e súmanse aos xa executados nos meses de maio, agosto e setembro pola Concellaría de Mobilidade e Tráfico. En maio, e trala saída da corentena, a concellaría de Mobilidade executou traballos de pintado para asegurar a continuidade de itinerarios peonís en lugares sen beirarrúas ou con estas interrumpidas e ampliou as zonas peonís sobre a calzada en rúas como Amado Garra, Castiñeira, Senén Canido, Emilio Rodríguez, Carballos ou Concha Brey, entre outras. No mes de agosto realizáronse actuacións de reordenación do tráfico nas rúas Braña, Fernández Vega, Castiñeira e Virxe da Luz e no mes de setembro nas rúas Carballos, Castañal, Orotava, Paseo Matutino, Pedra Pequena e Domínguez Benavides. En todas estas rúas procedeuse tamén á renovación e creación de novos pasos de peóns, asegurando a súa visibilidade e acometeuse a mellora ou creación de novas prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida.