Ponteareas acomete a vindeira semana o asfaltado da rúa Redondela e dunha zona de Rosalía de Castro

Os traballos condicionarán o tráfico nestas rúas

A empresa adxudicataria dos traballos de humanización da rúa Redondela acometerá a vindeira semana os traballos de asfaltado desta rúa, así coma dunha zona da Avenida Rosalía de Castro, preto da rotonda situada trala Casa do Concello, onde se produciu hai meses un pequeno afundimento do firme.

Os traballos darán comezo este luns na Avenida Rosalía de Castro para corrixir os problemas existentes no subsolo que provocaron o afundimento. Asemade, regularizarase a rúa Redondela e rematados os traballos en Rosalía de Castro, que se estiman en 3 días, procederase ao asfaltado das dúas rúas.

Por ese motivo, durante a realización das obras, o tráfico provinte da Avenida de Galicia cara Rosalía de Castro e Bouza Brey poderá continuar circulando nese sentido como se fai habitualmente. Pola contra, os vehículos que circulen por Bouza Brey procedentes da Avenida de Castelao e estrada de Salvaterra deberán desviarse cara a rúa Redondela na rotonda do Axente Comercial, continuando por Pombas até Sarmiento Rivera, na rotonda situada preto do parque de Bombeiros. Na xornada que se asfaltará a rúa Redondela, a vía terá que permanecer necesariamente pechada á circulación de vehículos para poder executar os traballos.

As obras de humanización da rúa Redondela están practicamente finalizadas, pendentes do enlousado de pequenos tramos de beirarrúa e do asfaltado da calzada, pintado e sinalización e instalación do mobiliario urbano.