Ponteareas acollerá a vindeira fin de semana as Xornadas para recuperación da memoria histórica e política das persoas represaliadas en 1936 ao cumprirse os 80 anos

Ponteareas celebrará esta fin de semana desde o venres até o domingo unha serie de actos para a recuperación da memoria histórica e, ao mesmo tempo, en homenaxe aos represaliados/as polo réxime franquista a partir do golpe de estado do 18 de xullo de 1936. Dentro dos actos tamén se recoñecerá a última Corporación Municipal democrática da etapa da II República.

Neste ano 2016, cúmprense 80 anos do golpe de estado de Francisco Franco e do inicio da represión e do terror do fascismo. Con este motivo, o Concello de Ponteareas quere recuperar a memoria histórica e política dos homes e mulleres silenciadas e esquecidas durante décadas, persoas que sufriron a represión nos distintos lugares do concello, “queremos celebrar os valores que defendían,  que hoxe sigue sendo necesario defender, as liberdades e os dereitos sociais,” afirmou Hortensia Bautista, concelleira de Cultura quen engadiu, “ ademais deste actos debemos homenaxealos na nosa vida diaria, na nosa actividade política, defendendo o mesmo polo que moitos morreron”.

O Goberno local xa contactou con varios dos familiares dos represaliados dos que se dispoñen datos, mais tamén fai un chamamento de colaboración veciñal para localizar a máis descendentes, especialmente daqueles que foron brutalmente asasinados como o fuxido Manuel González Fresco, político socialista vigués, afincado en Areas no 1936 ou Bernardo Muíños, taxista de Ponteareas.

Serán homenaxeados os membros da Corporación de 1936 coma o alcalde Benito Casasnovas Rodríguez,  o 1º tenente alcalde, Manuel Pino Lago, o 2º tenente alcalde Gabino Castro Estévez, o 3º tenente alcalde Ramón Troncoso Fernández, o 4º tenente alcalde José Sampedro Presa, o síndico José Garra Castellanzuelo e o resto de concelleiros Herminio González Covelo, Luís Rodríguez Carballo, Francisco Castro Álvarez, Manuel Bautista Taboas, Benito Lorenzo Porto, José Boente Carrera, José Trigo Ucha, Francisco Carballido Pino, José Amil Varela, Vicente Carrera Carballo, Ricardo Boente Carrera, Francisco González Martínez, Alfredo Pérez Graña e Antonio Barbeito Pérez

As persoas que coñezan datos poden porse en contacto co número de teléfono 986 660 765

Con estes actos dáse cumprimento a unha parte dos acordos aprobados no pasado pleno do 15 de novembro no que se aprobou por unanimidade unha moción do BNG cunha emenda de engadido de EU.

Os actos comezarán o venres a partir das 20:00 horas no Salón de Plenos, coa proxección da película documental “Digna Rabia”, realizada por Anxo Rodríguez Gallardo e Victoria Martíns Rodríguez, que se centra no papel da muller durante o golpe de Estado e o franquismo. Posteriormente terá lugar un coloquio no que contaremos coa participación da codirectora, Victoria Martíns, e de varias veciñas de Ponteareas que relatarán a súa experiencia.

O sábado comezarán as actividades ás 19:30 horas coa presentación do libro “Saltando a Raia”, de Román Alonso Santos, na que participará Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega da Lingua.

De seguido, en torno ás 20:30 horas, terá lugar un acto no que se tratará de poñer rostro aos represaliados. Comezará co intervención de Francisco Candeira para falar dos membros da Corporación Municipal de 1936. De seguido intervirá Roberto Mera para expoñer o caso de Alejandro Viana Esperón, industrial e político ponteareán, e Kiko Neves, que protagonizará un acto poético-musical. A xornada pecharase coa testemuña de varios veciños da localidade que exporán casos propios ou de familiares represaliados.

DOMINGO 27. HOMENAXE AOS FUSILADOS E REPRESALIDADOS

O domingo rematarán as actividades cun acto institucional de homenaxe aos fusilados e represaliados pola dictadura que terá lugar a partir das 12:30 horas nas Voltas do Pinal do Foxo (Xinzo), lugar no que, entre outros, foi fusilado o 31 de outubro de 1936 o concelleiro Herminio González Covelo. O acto consistirá na descuberta dunha placa conmemorativa e na interpretación por parte dun grupo de metais e percusión da obra “Oración fúnebre”, escrita por Rogelio Groba a petición da Asociación pola Defensa da Memoria Histórica de Ponteareas e dedicada aos “paseados que atopei arrombados nunha gabia cando tiña seis anos” na estrada de Guláns a Areas.

Nos anos da guerra civil foi especialmente violenta en Galicia, que se materializou no asasinato de máis de 5000 persoas e noutras múltiples formas de violencia física: encarceramentos masivos, violacións, malleiras, rapado de cabelo, inxestión de óleo de rícino. Unha represión que se exerceu con carácter especialmente violento e machista no caso das mulleres.