Ponteareas acollerá un serán no marco da Feira de Outono

Con motivo da undécima edición da Feira de Outono, a Praza Maior de Ponteareas acollerá un gran serán o venres 2 de novembro da man da Asociación Cultural Sadeo. Este serán dará comezo ás 22 horas, e os grupos actuarán por orde de chegada anotándose na propia carpa da Praza Maior dende unha hora antes do comezo.

Antes do comezo do serán celebraranse unha serie de actividades relacionadas coa música tradicional, que terá especial relevancia nesta edición da Feira de Outono. Ás 20h, serán presentados os libros “Maruxa das Cortellas” e “Mulleres de Gargamala” nun concerto didáctico a cargo de “Arredor da Tradición” que servirá para introducir ás persoas asistentes na tradición oral. A continuación, ás 21h, impartirase un obradoiro para aprender os elementos básicos do baile tradicional. 

O grupo “Os da Porfía” abrirá o serán ás 22h, garantindo unha noite de troula coa nosa música para dar comezo a unha ampla programación de actividades que dende a organización da Feira de Outono darán a coñecer nos vindeiros días. Durante a celebración do serán, a organización ofrecerá chourizo, viño, chocolate e rosquillas de balde a todas as persoas asistentes.

Dende a Asociación Cultural Sadeo, Nuria Gesteira sinala que a súa actividade principal é “a divulgación da nosa música e o noso baile”, polo que considera que “un serán é a mellor demostración de que esa parte da nosa cultura está moi viva.” Así mesmo, sinala que as e os asistentes “poderán gozar máis do serán pondo en practica o aprendido nas actividades previas como o concerto didáctico e o obradoiro de baile tradicional”

O coordinador da Feira de Outono, Miguel Bouzó, indica que “a celebración deste serán segue a liña de apostar por actividades complementarias á feira, que consigan atraer cada ano un maior número de visitantes”. Neste sentido, Bouzó sinala que “non pode haber mellor comezo para a Feira de Outono que cun serán no que grupos ponteareáns e de toda a comarca veñan divertirse e pasar unha agradable noite de outono coa nosa música tradicional”.

A Asociación Cultural Sadeo agradece “ao Concello de Ponteareas e en concreto á Concellería de Cultura, o seu interese e implicación para que actividades como esta se leven a cabo, pondo en valor a nosa cultura cunha ampla e variada programación durante todo o ano”.