Ponteareas acolle a primeira Feiramostra de produtos ecolóxicos e naturais

Terá lugar o vindeiro sábado 15 de outubro desde as 10.00 ás 20.00 horas nas rúas de Oriente e Esperanza

O alcalde, Xosé Represas, o concelleiro de Comercio e Hostalería, Mario Lago, e a Concelleira de Cultura e Lecer, Hortensia Bautista, xunto a o representante de Faia, organizadora do evento, Marcelo Rodríguez, presentaron a Feiramostra, a feira de produtos ecolóxicos e naturais, que terá lugar o sábado 15 de outubro a partir das 10 horas. Dará cabida a ámbitos recoñecidos, mais pouco participados pola sociedade, que pulan por un mundo máis xusto e harmónico.

Q55A5819

Se a boa ecoloxía é a interdependencia equilibrada dos seres e o ecosistema, a boa ecoloxía social susténtase nun planeta ben coidado, onde os individuos e sociedades cumpren correctamente co seu papel.

Así, entre os vinte expositores que haberá nas rúas Oriente e Esperanza, destacan as iniciativas económicas familiares que comezan e pechan o seu ciclo produtivo como lácteos ou apicultura; outras, cuxos materiais construtivos non agreden a longo prazo como a bioconstrución; alimentos frescos, de garantía, comercio Xusto, asociacións con intolerancias alimentares como a celiaquía, proxectos económicos de marmeladas e licores baseados nunha soa árbore: o fermoso sabugueiro; proxectos educativos do territorio con resultados prácticos como o da CIFP A Granxa, e proxecto sobre o Patrimonio Inmaterial do Condado.

Completan a feira obradoiros sobre plantas aromáticas, reciclaxe e de elaboración dunha pasta dentífrica para cativas e cativos que combinan o lecer e o coñecemento, e outros elaboración de candeas e conservas ecolóxicas para ser participados polas persoas adultas.