Ponteareas acolle o próximo venres 17 unha exhibición de ‘Ground Golf’

A actividade, organizada polo Concello de Ponteareas e pola asociación Agarimo de Turismo Rural, comezará as 11 da mañá no campo municipal de Pardellas

Veciños e veciñas de Ponteareas terán o próximo venres, día 17 de marzo, a oportunidade de tomar contacto cun novo deporte que cada día conta con máis afeccionados: o Ground Golf, un deporte nacido no Xapón a mediados dos anos 80 e que cada vez practica un maior número de persoas pola súa sinxeleza e facilidade de xogar en calquera lugar.

Esta exhibición será levada a cabo por xogadores e xogadoras de Xapón e de Madrid, entre os que estará Samuel Pérez, presidente de Ground Golf España. Esta actividade estará aberta a todos cantos veciños e veciñas queiran asistir.

O Ground Golf é un deporte que cada día conta cun maior auxe pola súa facilidade, non só das normas, senón polo feito de que se pode practicar en case que todos os lugares. Ten nas persoas de máis de 60 anos, o maior número dos seus practicantes, pero tamén ten unha grande aceptación entre a xuventude e a infancia.

Basicamente é unha variante do golf tradicional, aínda que para a súa práctica utilízanse paus máis anchos e bolas máis grandes. Pese a iso, a idea xeral é a mesma, meter a pelota no buraco ou cestiña co menor número de golpes posibles.

Os xogadores agrúpanse de catro en catro para avanzar de foxo a foxo. Ditos foxos ou buratos están separados entre eles por 15 metros, 25 m, 30 m ou 50 metros e gaña o que emboque a bola nos 24 foxos co menor número de golpes.

Benito Márquez, concelleiro de Deportes de Ponteareas, anima a tódolos veciños e veciñas a achegarse ata as instalacións deportivas de Pardellas “para tomar contacto cun deporte pensado para a mellora da saúde nas persoas maiores” e tamén para “implantar este novo deporte, o Ground Golf, en Ponteareas, un municipio que sempre está aberto a novas actividades deportivas e nas que os ponteareáns acaban sobresaíndo dentro e fora das nosas fronteiras”.

A actividade está organizada pola Concellería de Deportes do Concello de Ponteareas e pola Asociación Agarimo de Turismo Rural, que agrupa a 85 establecementos de turismo rural da provincia de Pontevedra.