Ponteareas acolle o campionato galego master de inverno

269 participantes de 19 clubs diferentes competirán os vindeiros 6 e 7 de febreiro na piscina do Complexo Deportivo Álvaro Pino

cartelSábado 6 de febreiro a partir das 17:00 horas e domingo 7 de febreiro a partir das 10:00 horas. Esas son as datas e as horas nas que a piscina do Complexo Deportivo Álvaro Pino acollerá o campionato galego master de inverno, organizado conxuntamente pola Federación Galega de Natación e o Club Natación Ponteareas.

A competición contará con 269 participantes con idades comprendidas entre os 20 e os 84 anos, nunha categoría (master) que aglutina nadadores e nadadoras veteranos e afeccionados. Un total de 19 clubs procedentes de toda Galicia que competirán en 14 probas diferentes divididas en varias sub categorías en función do sexo e a idade.

O concelleiro de Deportes, Benito Márquez, salientou “o feito de que a vila, a piscina e o Club Natación Ponteareas sexan escollidos pola Federación para organizar eventos deste calibre, apetecibles para calquera afeccionado a este deporte”.

Dende o propio Club Natación Ponteareas sinalan “que se trata do primeiro campionato galego master que se celebra en dous días, coa dificultade organizativa que supón, e polo tanto fala moi ben das instalacións coas que contamos no concello para a práctica da natación”.