Ponteareas acolle unha exhibición de ‘Ground Golf’

A actividade, organizada polo Concello de Ponteareas e pola asociación Agarimo de turismo rural, comezará cunha charla sobre este deporte no Centro Artístico Sportivo ás 10 horas hoxe.

Veciños e veciñas de Ponteareas terán mañá mércores, día 15 de febreiro, a oportunidade de tomar contacto cun novo deporte que cada día conta con máis adeptos: o Ground Golf, un deporte nacido no Xapón a mediados dos anos 80 e que cada vez practica un maior número de practicantes pola súa sinxeleza e facilidade de xogar en calquera lugar.

As 10 horas da mañá, Samuel Pérez, presidente de Ground Golf España, ofrecerá unha charla no Centro Artístico Sportivo de Ponteareas, onde achegará aos presentes a realidade deste deporte hoxe en día e as súas normas básicas. Posteriormente, ás 12 horas, terá lugar unha exhibición de Ground Golf no campo de Pardellas. As dúas actividades están abertas a todos cantos veciños e veciñas queiran asistir.

O Ground Golf é un deporte que cada día conta cunha maior expansión pola súa facilidade, non só das normas, senón polo feito que a súa práctica é posible en case que todos os lugares. Ten nas persoas de máis de 60 anos o maior número dos seus practicantes, pero tamén ten unha grande aceptación entre a mocidade e a infancia.

Básicamente, é unha variante do golf tradicional, aínda que para a súa práctica utilízanse palos máis anchos e bolas máis grandes. Pese a iso, a idea xeral é a mesma, meter a pelota no buraco ou canastiña co menor número de golpes posibles.

Os xogadores agrúpanse de catro en catro para avanzar de foxo a foxo. Ditos foxos ou buratos están separados entre eles por 15 metros, 25 m, 30 m ou 50 metros e gaña o que emboque a bola nos 24 foxos co menor número de golpes.

Benito Márquez, salientaba a oportunidade que representa a actividade de mañá “para tomar contacto cun deporte pensado para a mellora da saúde nas persoas maiores” e tamén para “implantar este novo deporte, o Ground Golf, en Ponteareas, un municipio que sempre está aberto a novas actividades deportivas e nas que os ponteareáns acaban sobresaíndo dentro e fora das nosas fronteiras”.

A actividade está organizada pola Concellería de Deportes do Concello de Ponteareas e pola Asociación Agarimo de Turismo Rural, que agrupa a 85 establecementos de turismo rural da provincia de Pontevedra.