Ponteareas acolle en setembro novos obradoiros formativos para a mocidade

A concellería de Mocidade, que dirixe Miguel Bouzó, informa que está aberto o prazo para inscribirse nos obradoiros formativos “Técnicas de busca de emprego, a entrevista de traballo e o currículo” e “Mocidade creativa e marca persoal”.

Ámbolos dous obradoiros serán de balde e desenvolveránse na sala multiusos do auditorio municipal.

Os e as interesadas deberán dirixirse á OMIX que se atopa na biblioteca municipal ou contactar no número de teléfono 986 66 07 65.

O horario do obradoiro de “Técnicas de busca de emprego” terá lugar o martes 10, o xoves 12 e o venres 13 de 17 a 21 horas e o obradoiro de “Mocidade creativa e marca persoal” será o martes 17, o venres 20, o martes 24 e o xoves 26 de 17 a 21 horas.

Miguel Bouzó suliña a importancia de ofrecer á mocidade ferramentas que promovan a súa proxección persoal e completen a formación regrada facilitando a inserción laboral.

O primeiro dos obradoiros pretenden ensinar determinadas técnicas e pasos útiles no proceso de busca de emprego, dende o autocoñecemento das propias capacidades e habilidades ata a entrevista de traballo, pasando pola confección do currículo.

Tendo en conta o elevado índice de paro, consideramos importante que a mocidade dispoña dunhas habilidades e técnicas que lles faciliten o proceso de busca de emprego, e que lles axude a que ésta sexa o máis efectiva posible.

Os obxectivos son mellorar a autoestima e o autocoñecemento das persoas participantes, aumentar o seu nivel de motivación, adquirir coñecementos útiles e prácticos que lles axuden na procura de emprego e favorecer o autocoñecemento e a análise das propias capacidades, habilidades e limitacións así como dominar determinadas cuestión relativas á busca de emprego como son a elaboración do currículo, a carta de presentación ou a entrevista persoal.

No caso do obradoiro para crear a túa marca persoal buscarán facilitar ferramentas para capacitar á mocidade na creación de proxectos, na elaboración de itinerarios que lles sirvan tanto para desempeñar eficazmente a súa profesión como para abordar cuestións cotiás da vida persoal.

Outra finalidade que persegue é potenciar unha actitude emprendedora e resolutiva

ante os problemas e os obstáculos que se lles poidan presentar.

Entre os obxectivos está fomentar o autocoñecemento, mellorar o autoconcepto e autoestima das persoas participantes, facilitar á incorporación ao mercado laboral, promover á creatividade a hora do deseño de proxectos profesionais e persoais, contribuír á toma de conciencia das habilidades e talentos persoais de cada participante e fomentar a resiliencia.

Ademais, dotará de ferramentas e habilidades que faciliten a incorporación ao mercado laboral, creará unha marca persoal deseñada por cada participante, tentará superar as crenzas tóxicas para acadar metas e obxectivos e deseñará o traballo ideal de cada unha das persoas asistentes ao curso