Ponteareas acende este venres 2 unha iluminación de Nadal con 1.700 elementos decorativos na vila e nas parroquias

Ponteareas acende este venres 2 unha iluminación de Nadal con 1.700 elementos decorativos na vila e nas parroquias

A renovada Praza de Bugallal estréase con 1.100 caídas de luz. O Concello instala máis de medio millón de luces led e segue apostando polas parroquias coa colocación de arcos luminosos

O Nadal chega esta fin de semana a Ponteareas. O Concello convida a toda a veciñanza a participar no tradicional acendido da iluminación, que será este venres 2 de decembro. Ás 18.00 horas comezará a animación nas rúas con personaxes de Nadal, e a continuación producirase o acendido dende a Praza Bugallal.

Este ano, o Concello colocou arredor de 1.700 elementos de iluminación cos que encher de luz e cor Ponteareas durante estas datas. Só no centro urbano, arredor de 50 rúas, prazas e edificios contan con pezas decorativas que ambientan estes espazos cun alumeado singular, innovador e moi atractivo para o público con motivos moi variados. Ademais, o Goberno municipal continúa coa súa aposta por achegar a decoración de Nadal a todas as parroquias, onde se colocarán arcos luminosos nos lugares céntricos de cada unha delas.

Son case 2.200 metros cadrados de iluminación e máis de medio millón de luces micro-led, cos que se creou unha perfecta ambientación Nadal nas rúas ponteareás cun alumeado sustentable e eficiente enerxeticamente grazas ao uso de novas tecnoloxías. Entre as grandes novidades da decoración está a recentemente renovada Praza de Bugallal, que estrea alumeado de Nadal por todo o alto: con 1.100 caídas luz que enchen todo o espazo de luminosidade.

Este acto dará o pistoletazo de saída á programación das festas de Nadal que se dará a coñecer nos vindeiros días, na que, como vén sendo habitual, “haberá un amplo abano de actividades de lecer dirixidas a público infantil, familiar e adulto para desfrutar destas festas sen ter que saír da vila, cunha oferta pensada e deseñada para todas as idades e todos os gustos”, como sinala o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó.

Unha programación que unida a un alumeado cada vez máis atractivo polas rúas de Ponteareas servirá, sen dúbida, “para dinamizar a actividade tanto do comercio como da hostalaría local, axudando e colaborando cos establecementos locais nunha das campañas máis importantes de todo o ano na que traballamos man a man co sector comercial”, explica a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil.