Ponteareas abre un proceso participativo para o proxecto de transformación e mellora da rúa da Braña

 

Veciñanza e colectivos poderán achegar as súas suxestións e propostas ata o vindeiro 8 de agosto

 

O Concello de Ponteareas iniciou os traballos de redacción do proxecto de transformación e mellora da rúa da Braña e, con el, un proceso participativo para que residentes, comerciantes e asociacións poidan achegar as súas suxestións e propostas. O proceso de transformación da rúa comezou hai xa un ano, momento no que o Concello realizou melloras na contorna co obxectivo de recuperar espazos públicos para o goce da veciñanza, gañar espazos peonís e reducir o tráfico motorizado, o que supuxo unha melloría da mobilidade a pé e da seguridade viaria e unha redución da contaminación atmosférica e acústica.

 

Tras estas actuacións previas, o Concello comeza a redacción do proxecto de transformación e mellora da rúa, “que permitirá no futuro inmediato levar a cabo unha remodelación coa que mellorar a calidade de vida da poboación, especialmente de residentes e comerciantes”, como sinala o concelleiro de Mobilidade e Participación Cidadá, Roberto Mera. 

 

Estes traballos de transformación buscan converter a rúa da Braña nunha rúa pensada para  as persoas, con amplos espazos de tránsito peonil e de estancia e relación social, dotada de elementos como bancos, nova iluminación ou panel informativo dixital. Unha rúa amábel que garanta a accesibilidade das persoas con diversidade funcional e que conte tamén con pavimentos de calidade, arborado e sombra, axardinamento e papeleiras. Ademais, o proxecto deseñarase pensando na convivencia das persoas co tráfico motorizado de necesidade, como accesos a garaxes, carga e descarga, mensaxería e reparto, servizos, emerxencias… facilitando e potenciando así a actividade comercial e garantido a seguridade das persoas.

 

Aquelas persoas ou colectivos que queiran achegar as súas ideas, preferencias e opinións poderán facelo ata o vindeiro 8 de agosto a través do correo participacioncidada@ponteareas.gal ou no Rexistro Xeral do Concello. Unha vez redactado o proxecto, darase a coñecer á poboación e, se a situación sanitaria o permite, celebrarase un encontro aberto a toda a veciñanza para a súa presentación e para unha nova recollida de opinións e suxestións.