Ponteareas abre as portas da súa aula CeMIT en maio para iniciar á veciñanza nas novas tecnoloxías

Ponteareas abre as portas da súa aula CeMIT en maio para iniciar á veciñanza nas novas tecnoloxías

No mes de maio haberá cursos de balde de informática, correo electrónico, móbiles ou de procesador de textos

A aula CeMIT de Ponteareas abre as súas portas durante o vindeiro mes de maio con unha ampla programación de cursos e actividades de balde para iniciar á veciñanza nas novas tecnoloxías e ir reducindo de forma paulatina a fenda dixital. O concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, destaca a importancia desta iniciativa “para axudar a desenvolvera capacitación da nosa veciñanza e fomentar a inclusión dixital. A tecnoloxía é cada vez máis importante na nosa sociedade e é fundamental que todas e todos os ponteareáns teñan acceso a ela e saiban como empregala”.

As persoas interesadas en achegarse ao eido da informática poderán asistir ao curso que se impartirá martes e xoves dende o 2 ata o 25 de maio de 16.00 a 19.00 horas. Eses mesmos días tamén se impartirán clases para aprender a manexar o correo electrónico, unha ferramenta de comunicación laboral pero tamén persoal. O horario será de 19.00 a 21.00 horas.

Outra das propostas para este maio será un curso para manexar con soltura os teléfonos móbiles que se impartirá luns e mércores dende o día 3 ao 31 de 16.00 a 18.00 horas. Luns e mércores serán tamén os días nos que se leve a cabo o curso de procesador de textos, unha excelente oportunidade para adquirir as habilidades necesarias para crear e editar documentos, a aplicación de formatos ou o uso de imaxes, entre outros aspectos. As clases serán do 8 ao 24 de maio de 18.00 a 21.00 horas.

Ademais destas oportunidades de mergullarse nas novas tecnoloxías, a aula CeMIT terá a disposición dos e das usuarias titorizacións TICs, un servizo de apoio, reforzo e asesoramento ás actividades realizadas na aula, axudando a resolver dúbidas e orientando sobre o emprego das ferramentas dixitais. Será o luns 29 de maio de 18.00 a 21.00 horas e o martes 30 de 16.00 a 21.00 horas. A oferta completarase coa realización de exames presenciais para as persoas que remataron os cursos de teleformación na plataforma EMA os días 3 e 31 de maio de 19.00 a 21.00 horas.

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula, que estará aberta ao público os venres de maio de 16.00 a 21.00 horas.