Unha delegación de Uniejów, Polonia, estará presente na Festa do Corpus Christi de Ponteareas, participando por primeira vez na celebración e amosándolles a todos os ponteareáns a súa arte floral en honor ao Santísimo Sacramento. Esta representación polaca realizará na noite de Corpus unha alfombra representativa das que, desde hai 200 años, se confeccionan na localidade de Spycimierz situada na beira esquerda do río Warta. Os habitantes elaboran ao longo do camiño da procesión do Corpus Christi unha alfombra floral de dous quilómetros de lonxitude, con formas variadas e con flores, árbores, corazóns, símbolos xeométricos e inscricións relixiosas. A esta localidade de Polonia achéganse cada ano máis de 5.000 turistas. Esta delegación, convidada polo Concello de Ponteareas, vén sumarse á delegación de Monçao, país veciño que xa hai varios anos confecciona unha alfombra floral, mostra da súa arte, en Ponteareas.
Segundo o concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, o Concello de Ponteareas segue apostando pola difusión internacional do Corpus Christi fóra das nosas fronteiras co obxectivo de dar a coñecer os tapices florais ponteareáns, verdadeira obra de arte efémera, cuxa calidade e singularidade levou á súa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional no ano 2009, distinción que motiva ao Concello de Ponteareas a continuar cada ano traballando para que a Festa do Corpus Christi adquira maior dimensión, tanto a nivel nacional coma internacional.