A Policía Local impartiu o venres unha charla sobre o uso correcto dos Sistemas de Retención Infantil nos vehículos

A actividade organizada polo departamento que dirixe Vanesa Fernández a petición da matrona do Centro de Saúde, orientou ás participantes sobre dos distintos modelos existentes e a súa correcta instalación.

A Policía Local de Ponteareas impartiu o venres unha charla sobre a correcta utilización dos sistemas de retención infantil (RSI) nos vehículos dirixida, fundamentalmente, a pais, nais e persoas interesadas. A actividade tivo como obxectivo, non só poñer en coñecemento das e dos asistentes a normativa existente ao respecto, senón tamén informarlles sobre a correcta instalación destes sistemas para que sexan eficaces.

O oficial Benigno Moldes explicou non só os sistemas de retención para os menores a partir da primeira viaxe en coche, senón tamén a correcta colocación do cinto de seguridade no caso das embarazadas, unha información de vital importancia en caso dun accidente.

Distintos modelos de asentos a utilizar, a súa correcta colocación no vehículo, ou precaucións que hai que ter na súa utilización, foron algúns dos temas sobre os que se informou na charla por parte dos axentes da Policía de Ponteareas.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, explicou que as charlas “a petición da matrona do Centro de Saúde” faranse cunha maior periodicidade, de tal xeito “que se poidan impartir varias ao ano”. É un xeito, asegurou a responsable de Tráfico, “de orientar a nais, pais e mulleres embarazadas sobre as medidas preventivas a adoptar para mellorar a seguridade dos menores que viaxan nun vehículo”.