Pleno extraordinario para esixir ao Estado un convenio viable para a circunvalación de Ponteareas en base aos 21 millóns € dos orzamentos e á Xunta a redacción do proxecto

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, convocou para onte martes 8 de xaneiro un Pleno extraordinario monográfico sobre a Circunvalación para dar unha resposta unitaria á proposta de convenio remitido polo Ministerio de Fomento no que reduce a 7 millóns de euros os 21 millóns previstos nos orzamentos do Estado. 

A moción que foi aprobada cos votos das forzas políticas da Corporación; BNG, PSOE, ARDT, PP e ACIP xa fora consensuada previamente por todos eles estando de acordo a Plataforma Veciñal das parroquias de Areas, Arnoso e Xinzo. A moción rexeita a proposta de convenio enviada por Fomento por non axustarse ao previsto no protocolo asinado en maio de 2105 e urxir ao Ministerio a redacción dunha nova proposta de convenio que garante a realización da circunvalación por parte de Fomento en base as previsións económicas de 21 millóns de euros que figuran nos orzamentos do Estado.

A moción consensuada tamén esixe á Xunta de Galicia a redacción do proxecto de Circunvalación, tal como se comprometeu en maio de 2015. Dende o goberno local tamén criticaron os incumprimentos, falta de rigor e os “vaibéns” da Xunta coa circunvalación; “non realizaron o proxecto como é a súa obriga e sen ese documento técnico valoraron a circunvalación en 7 millóns de euros, tal como figura no convenio remitido pola Xunta ao Ministerio en 2017”

“Os 7 millóns de euros que figuran no convenio remitido recentemente por Fomento resultan claramente insuficientes para a expropiación dos terreos e acometer a realización desta infraestrutura e pola que levamos agardando dende a apertura da A-52. Demandamos un convenio que asegure a construción da circunvalación e respecte as obrigas previstas para cada unha das administracións no protocolo asinado en maio de 2015”, explica o Alcalde.

Pola súa parte a Tenente de Alcalde, Chus Garrote, explica que esta é unha débeda pendente dende o ano 1996 xa que unha autovía precisa contar cun acceso de alta capacidade que comunique co núcleo urbano de Ponteareas e coa  N-120 no Barral.

Ponteareas tamén reclama a Fomento a inmediata redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na N-120 e posterior licitación para o que figura consignación económica nos orzamentos do Estado.

A proposta unitaria insta ao Ministerio de Fomento e á Xunta de Galicia convocar urxentemente a comisión mista de seguimento prevista no protocolo de 2105 para a súa constitución. 

O alcalde amosouse moi satisfeito polo consenso e a unidade lograda ao redor desta demanda, “poñendo a Ponteareas por enriba dos intereses de partido. Actuando unidos os partidos e os colectivos sociais para reivindicar algo que é xusto, con toda seguridade poderemos acadar esa obra fundamental para Ponteareas”.