Parabéns á poetisa ponteareá Teresa Ríos polo seu accésit no XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

O xurado valorou o discurso feminista na expresión e na procura da propia sexualidade da súa obra ‘Corpo nómade’

Parabéns á poetisa ponteareá Teresa Ríos polo seu accésit no XVII Certame de Poesía Erótica Illas SisargasO concelleiro de Cultura, Fernando Groba, traslada os parabéns en nome de todo o Goberno municipal á poetisa ponteareá Teresa Ríos, que acaba de engadir nestes días un novo galardón á súa traxectoria como escritora. Alumna dos obradoiros de escritura creativa do Concello de Ponteareas e membro do Club de Lectura da biblioteca municipal, Ríos vén de conseguir co seu escrito ‘Corpo nómade’ un accésit no XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, un concurso organizado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica que premia obras inéditas de temática erótica escritas en lingua galega.

O xurado decidiu conceder á obra de Ríos este accésit “polo seu discurso feminista na expresión e na procura da propia sexualidade”. O premio, sen dotación económica, suporá a publicación do libro da poetisa na Editorial Caldeirón. 

Nada no concello fisterrán de Dumbría, Teresa Ríos vive dende hai trinta anos en Ponteareas, onde participa activamente na súa vida cultural e literaria e onde acadou varios premios en diferentes certames. “Para nós é un orgullo contar na nosa vila con escritoras como Teresa, unha escritora cunha singular e incombustíbel voz poética que combina cunha mestría verdadeiramente admirábel poemas íntimos coas preocupacións e desexos de toda unha sociedade. Estamos seguros e seguras de que verán moitos galardóns máis”, salienta Groba.