A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, que dirixe Hortensia Bautista, volve agasallar todas as familias cunha actividade enmarcada dentro do programa APEGO.
Nesta ocasión o Auditorio Municipal acolle este sábado, día 13 de abril, ás 12:00 horas, o espectáculo musical “ Pakolas en concerto”, de Paco Cerdeira.
Pakolas en concerto é un espectáculo infantil no que Paco Cerdeira achegarase ás nenas e nenos con cancións para rockear, soñar, para non parar de mover o esqueleto e tamén para aprender. Chega con este espectáculo a cantar e contar algunhas das historias fantásticas nas que os animais serán os protagonistas.
Esta actividade é de balde e forma parte dun conxunto de actividades realizadas de xeito mensual que fomentan a vinculación das familias co galego, dentro do proxecto Apego.
Apego é un programa colectivo dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas entre 0 e 6 anos no noso idioma, para o que se desenvolven materiais, facilítanse e difúndense recursos, deséñanse e prográmanse actividades para nais e pais e para nenos e nenas, etc.
Todas aquelas persoas interesadas en participar neste proxecto poden pórse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, onde recibirán toda a información precisa.