Os Reis Magos percorrerán as parroquias de Ponteareas entregando obsequios para evitar aglomeracións

O martes 5 agardarán polas nenas e nenos no Polideportivo Municipal

Dende este sábado, os Reis Magos visitarán todas as parroquias de Ponteareas para saudar ás nenas e nenos e entregarlles un obsequio. A pretensión desta “descentralización”, segundo indicou a concelleira de Eventos e alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila “é manter a ilusión das máis cativas e cativos dun xeito seguro, sendo conscientes da situación actual, evitando aglomeracións e seguindo sempre as medidas de seguridade ante a Covid-19”.

 

Acompañada pola Agrupación de Voluntarios/as Municipal de Protección Civil, a comitiva de cada Rei chegará a un punto establecido dentro de cada parroquia, onde os nenos e nenas deberán agardar mantendo a distancia interpersoal.

 

Tras visitar todas as parroquias, os Reis Magos instalaranse no Complexo Polideportivo Municipal “Álvaro Pino” na tarde do martes 5 para recibir de xeito ordenado e seguro a visita de todas as nenas e nenos do centro urbano de Ponteareas dende as 16:30 horas. As súas maxestades agardarán no interior da instalación a que todas as crianzas accedan en fila para saúdalos, depositar as súas cartas e recoller caramelos e obsequios. Seguindo as medidas de seguridade establecidas polo Concello de Ponteareas para este evento, só poderá acceder unha persoa adulta por cada nena ou neno. Ademais, realizaranse tomas de temperatura e desinfección de mans. A espera estará amenizada polos tradicionais Ranchos de Reis, así como da animación a cargo de compañía Pablo Méndez Performances.