Os ‘Rastros’ de Vidal Bolaño chegan a Ponteareas

 

Condetrespés e o Centro Dramático Galego traerán esta obra de teatro á sala multiúsos do auditorio municipal este sábado 7 ás 21 h. Xa está habilitada a reserva de entradas

 

Os ‘Rastros’ de Vidal Bolaño chegan a PonteareasO Centro Dramático Galego e a compañía Condetrespés chegan esta fin de semana a Ponteareas con ‘Rastros’, unha obra de Roberto Vidal Bolaño adaptada e dirixida por Lois Blanco que se representará no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios e en colaboración do Concello de Ponteareas.

 

‘Rastros’ situará ao público no Santiago de Compostela de finais do século XX cunha historia na que as e os protagonistas viaxarán polas lembranzas, un punto de encontro entre amigos que compartiron case todo menos evolucionar. O eixe central será o intento de suicidio dunha muller que convoca durante o tempo que permanece ingresada na UVI á espera dun desenlace incerto aos tres homes cos que compartiu sentimentos, soños e ilusións. Ao longo da tensa espera, reflexionan arredor das grandezas e das miserias da súa vida en común, lembran o que foi a súa existencia e as razóns que a levaron a ser o que hoxe é e a estar onde hoxe está.

 

A obra representarase este sábado 7 de maio ás 21.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal, con entrada de balde. As persoas interesadas xa poden reservar a súa entrada a través da plataforma en liña.

 

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a gozar desta adaptación da obra de Vidal Bolaño, que acadou dous Premios María Casares, un para Patricia Lorenzo como Mellor Actriz Protagonista, e outro para o propio autor ao Mellor Texto Orixinal.