Os nenos e as nenas do Campus Tea coñeceron a importancia dos produtos do mar

Trátase dunha iniciativa promovida pola Consellería do Medio Rural e do Mar e pensada para aqueles concellos que organicen campamentos urbanos

O nome da campaña é “O sabor da aventura está no mar” e permitiu familiarizar aos cativos co consumo deste tipo de alimentos

Cristina Fernández, concelleira de Ensino, acompañou aos rapaces no desenvolvemento desta actividade

20150817_101908Os nenos e as nenas do Campus Tea, un campamento urbano organizado pola concellería de Ensino que dirixe Cristina Fernández, tiveron a oportunidade de ampliar os seus coñecementos sobre os produtos do mar, as especies que neste medio habitan e o papel das persoas consumidoras de peixe á hora de preservar os recursos do mar.

A actividade, que tivo 90 minutos de duración, enmárcase dentro da campaña “O sabor da aventura está no mar”, promovida pola Consellería do Medio Rural e do Mar e cuxos principais obxectivos é o de transmitir aos cativos a importancia dos produtos mariños na dieta e o de fomentar o seu consumo.

O Campus Tea, que este verán supuxo un auténtico éxito de participación, foi o escenario perfecto para levar a cabo unha acción na que os rapaces e as rapazas puideron aprender que os produtos do mar son alimentos ricos en proteínas, materia graxa, vitaminas e sales minerais.

Un obradoiro lúdico, cunha obra de teatro incluída, serviu para tentar motivar a estes nenos no consumo de peixe.

Nesta última quenda Campus Tea, asemade, as actividades estarán centradas na escritura, percorrendo a historia dende a súa orixe, pasando polos primeiros libros até chegar á creación da imprenta. Tamén se fará un pequeno repaso dos diferentes tipos de escritura existentes na actualidade: cirílico, braile, etc.