Os globos de San Miguel desafían o vento

Os globos de San Miguel desafían o vento

Gran resposta de público no tradicional lanzamento, que este ano tivo de novo como escenario a Praza de Bugallal

As festas continúan ata o sábado 2 de outubro cun amplo programa de actividades

O ceo de Ponteareas encheuse un ano máis de cor co lanzamento dos tradicionais globos de San Miguel, un agardado espectáculo que marca a recta final das Festas de Setembro que este ano volveu ter como escenario unha Praza de Bugallal ateigada de público. Os cinco globos de papel de seda desafiaron ao forte vento da xornada para sucar os ceos da vila e da comarca, aínda que con diferente sorte: mentres tres dos globos ascenderon ata que o público os perdeu de vista, as outras dúas pezas apenas conseguiron subir uns metros ao producírense continuos refachos de vento.

Estas pezas artesanais foron elaboradas en papel de seda e ensambladas de forma manual por Vicky Amoedo e Liliana Valencia, coa inestimábel colaboración e supervisión de Enrique González. A pesar de que só tres dos cinco globos voaran con éxito, o numeroso público que abarrotou a Praza de Bugallal rompía en aplausos tras o espectáculo.

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, fixo un balance moi positivo deste lanzamento, que “nesta edición recobrou a total normalidade para dar paso de novo á ilusión, á tradición e á festa”. O edil quixo agradecer “o intenso traballo que cada ano realizan todas as persoas implicadas na confección destes globos cheos de simbolismo”, así como o labor dos servizos de emerxencias e das e dos integrantes do dispositivo de seguridade que cada ano velan para que todo transcorra sen incidentes.

Tras o lanzamento de globos as festas continúan cun amplo programa de actividades no que a música e as actividades para toda a familia cobran unha gran relevancia. Bouzó anima a todas e todos os ponteareáns a seguir desfrutando destes días e a achegarse á ducia de concertos, actuacións, obradoiros e espectáculos que se celebrarán ata o vindeiro domingo 2 de outubro.