Os globos de San Miguel congregarán á veciñanza da área metropolitana

A Concellería de Cultura e Turismo que dirixe Hortensia Bautista convida a toda a cidadanía de toda a área metropolitana a participar nas distintas actividades organizadas con motivo da celebración das festas de San Miguel.

A ruada dos xigantes e cabezudos acompañada por música tradicional abrirá as festas  mañá venres día 28 ás 19 horas polas rúas do centro urbano. Pola noite as orquestras comezan a partires das 21 horas co primeiro pase de Pontevedra que volverá actuar na praza Maior a media noite mentres Gin Toni´s actuará na praza Bugallal a partir das 22:30 horas.

O sábado día 29 ás 14 horas será o lanzamento dos globos de San Miguel realizados polo persoal do departamento de cultura en colaboración con Enrique González Iglesias veciño das Covas.

Hortensia Bautista quere agradecer a todas as voluntarias que cada ano colaboran co persoal do departamento de cultura para facer posible a prolongación desta tradición coa que dende o ano 2005 colabora de xeito altruista Enrique González. Así mesmo, agradece a todo o persoal do departamento de cultura a súa dedicación e esforzo para que toda a veciñanza poida gozar deste espectáculo.

Paciencia e moita delicadeza son as condicións precisas para poder confeccionar un globo de cores para San Miguel, así o explica Enrique González que dende os once anos de idade desfruta con esta arte de facer voar esta obra de papel de cores. “Meu pai levábame dende pequeno a ver o lanzamento dos globos e un ano eu díxenlle que quería aprender a facelos, él contestoume que seguira un ata atrapalo e así fixen. Logo na casa os dous xuntos estudamos como facelos e, ano tras ano, fun mellorando a miña técnica”.

Os globos de Enrique surcaron furtivamente os ceos de Alemania cando emigrou e voltaron a Ponteareas cando a lei volveu permitir o lanzamento de globos que ascenden grazas a calor proporcionada pola mecha.

O seu interese e a súa paixón por esta tradición é un legado que transmite cada ano a todos e todas as que colaboran na confección dos globos de San Miguel.

A  programación festiva continúa pola tarde, ás 17 horas haberá aniación infantil no centro urbano e a orquestra Kubo actuará a partir das 21 horas e á media noite na praza Maior turnándose coa orquestra Recuerdos que actúa na praza Bugallal a partir das 22:30 horas.

O domingo día 30 a animación de rúa coa charanga Mekánika chega ao centro urbano ás 19 e ás 21 horas. O concerto da banda de música Xuvenil de Xinzo actúa con Silvia Ferre ás 19:30 horas no auditorio e a orquestra Miramar chega á praza Maior a partir das 22:30 horas.

Ante a demanda da veciñanza, o concello de Ponteareas volve traer á cantante galega SÉS que actuará no parque da Feira Vella ás 20:30 horas.