Os dez concellos do GDR Condado Paradanta implícanse no deseño do transporte público do seu territorio

A Consellería de Infraestrutura e Mobilidade da Xunta de Galicia está ultimando a redacción do documento do Plan de Transporte Público de Galicia, que terá especial incidencia no rural galego co fin de poñelo en funcionamento no 2019. Os concellos de Arbo, As Neves, Cañiza, Crecente, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño non quixeron perder a ocasión de transmitir á administración autonómica cales son as necesidades que existen no seu territorio e cales son as posibles solucións para atendelas. Para isto, coordinado todo o traballo dende o GDR Condado Paradanta, grup de desenvolvemento rural ao que pertencen os dez concellos, contrataron ás consultoras Estudio MMASA S.L. e Taller de Estratexias Cidadáns S.L a redacción dun estudo básico sobre o transporte público na comarca, dende o marco que establece a Xunta de Galicia. 

Os obxectivos deste estudo son elaborar unha caracterización global do territorio que permita entender os centros de atracción e as relacións de mobilidade, elaborar un diagrama aproximado de paradas necesarias da rede rexional, realizar un deseño esquemático de liñas de tipo intercomarcais e comarcais que garantan unha cobertura ao 85% da poboación a menos de 500 metros do seu domicilio e elaborar unha delimitación das áreas de prioridade baixo demanda polo concello.

O presidente do GDR e alcalde da Cañiza, Miguel Adolfo Domíngue, en representación dos dez concellos, foi o encargado de dar traslado ao director de mobilidade da Consellería e aos técnicos da empresa redactora do PTPG do documento comarcal. Estableceuse unha liña de traballo e prantéxanse futuras reunións en donde participarán outros alcaldes deste territorio que, de xeito conxunto e por enriba dos intereses partidistas e/ou localistas, foron capaces de primar o ben común da súa veciñanza e pensar un tema de vital importancia para o rural, como o é o transporte, máis alá dos límites municipais dos seus concellos e en común acordo.