Os Concellos de Condado e Paradanta reciben ás nenas e nenos saharauís en Ponteareas

O programa Vacacións en Paz, organizado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharuí, trae todos os anos a un grupo de cativas e cativos a pasar o verán en familias de acollida

No acto de recibimento das 18 nenas e nenos procedentes do Sahara Occidental e as súas familias de acollida estiveron os alcaldes da Cañiza, Miguel Domínguez, Mondariz, Xoan Carlos Montes, e Ponteareas, Xosé Represas, así como a concelleira de Cultura das Neves, Rosana Rodríguez, como representación das localidades das comarcas do Condado e Paradanta. Estaban acompañados pola presidenta da SOGAPS, Maite Isla, e o delegado saharuí en Galicia, Hallibulah Mohamed.

A situación este ano foi especialmente difícil e complexa. As liñas aéreas alxerinas esixiron o pago inmediato, e non a prazos como en anos anteriores, co cal o financiamento dos máis de 300.000 euros das viaxes foi mediante axudas dos Concellos, a solidariedade a través de eventos organizados con ese fin, ou mesmo cunha póliza de 105.000 euros que asinaron membros de SOGAPS, e que no próximo ano irán pagando. “Esperamos que estes vaivéns no financiamento poidamos evitalos en próximos anos, mais as nenas e nenos saharuís están aquí, que é o máis importante, e dámoslle a todos a benvida, sen agradecerlle profundamente ás familias o seu esforzo, e desexámoslle un Sahara libre”, dixo a presidenta de SOGAPS, Maite Isla.

fotosahara

As nenas e nenos do Pobo Saharauí recibidos por alcaldes e concelleiras das comarcas de Condado e Paradanta.

“Desde os Concellos de Condado e Paradanta imos facer unha petición á Federación Galega de Municipios e Provincias para tentar crear un sistema que mellore o financiamento deste programa Vacacións en Paz, tan necesario para as nenas e nenos do Pobo Saharuí. Desexámoslle unha boa estancia na comarca e no noso país, Galicia.”, engadiu o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.

“Desde os Concellos, tratamos sempre de botar unha man nestas causas e este programa de Vacacións en Paz é un exemplo de implicación das familias”, explicou o alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez. “Desde Mondariz, a pesar de non ter ningunha familia de acollida este ano, queremos botar unha man no que faga falta porque ante a situación política que vivides, queremos facervos sentir como na vosa casa, queremos que contes connosco cando vivades unha vida libre nun Sahara libre, e veñades a visitarnos”, indicou o alcalde de Mondariz, Xosé Carlos Montes.  Rosana Rodríguez, concelleira de Cultura das Neves, desexoulles unha boa estancia na comarca e “leven fermosos recordos da nosa terra”.

P1030012

Momento da intervención da presidenta da asociación SOGAPS, Maite Isla, ao fondo.

Por último, o delegado saharuí en Galicia, Hallibulah Mohamed, fixo un breve retrato da situación actual do Sahara Occidental. “Despois de 40 anos, estamos nunha situación moi precaria, moi difícil. A guerra pode estourar, en calquera momento. Os rapaces máis novos non aturan máis esta situación de ocupación e bloqueo, a súa paciencia agotouse. O Estado Español debe implicarse e rematar o proceso de descolonización, que non fixo no 76, cando nos entregou a Marrocos e Mauritania. Precisamos unha solución inmediata, unha data para o referendo de autodeterminación, como vén esixindo a ONU nas súas resolucións durante os últimos anos”, explicou o representante da República Árabe Saharauí Democrática.