Os colectivos sociais apostan por mellorar o transporte público entre as parroquias e a vila

Os representantes veciñais valoran positivamente o funcionamento da zona azul

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, e o equipo redactor do Plan de Mobilidade mantiveron onte un encontro con colectivos veciñais para recoller opinións sobre os modos de transporte e desprazamento da poboación. Na reunión participaron varias ducias de representantes veciñais, a maior parte deles de colectivos parroquiais como comunidades de montes, asociacións veciñais e casas culturais. A redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel contou co apoio da Deputación de Pontevedra a través dunha axuda de 20.000€.

No encontro púxose de relevo o interese da veciñanza polo transporte público no rural, salientando os asistentes os problemas de información sobre as liñas e horarios de autobuses que prestan servizo nunha parte das parroquias da localidade. Tamén se advertíu da inexistencia do servizo nalgunhas parroquias ou da insuficiencia de liñas, horarios e frecuencias. Todos os representantes coincidiron en demandar mellores horarios das liñas de autobuses, que se adapten mellor ás necesidades e á demanda das persoas que viven no rural e carecen de medios de transporte privado. No mesmo ámbito do transporte público, os asistentes referíronse á existencia de paradas sen delimitar ou sen marquesinas ou ubicadas en lugares pouco axeitados.

Os representantes coincidiron en sinalar que con maiores e mellores liñas de transporte, horarios e frecuencias, o uso do transporte público sería maior nas parroquias. De cara á implantación dun sistema de transporte público coas parroquias -que é un dos obxectos de estudo do Plan de Mobilidade- os asistentes explicaron que debería percorrer os barrios para recoller e deixar viaxeiros perto das súas vivendas sen limitarse ás paradas situadas en estradas principais, pois a xente que usaría o servizo é especialmente xente maior que regresa cargada das compras en Ponteareas. Ademais, consideráronse tres destinos a ter en conta para o transporte desde as parroquias: a vila, onde se realizan xestións e compras; o centro de saúde, ao que acude moita poboación maior do rural que carece de medios de desprazamento propios, e a Unidade de Exploración Mamográfica da Casa do Mar en Vigo.

En canto aos horarios, os representantes veciñais sinalaron que para acudir ao centro de saúde o transporte debería ter horario de chegada ao redor das 8:30 da mañá e para acudir á vila un horario de chegada sobre as 10 horas e de regreso sobre as 12.

Todos os asistentes valoraron positivamente o funcionamento da zona azul e mesmo pediron a súa ampliación, pois permite á veciñanza das parroquias ter máis posibilidades de atopar aparcamento en Ponteareas.

No encontro tamén se transmitiron preocupacións en materia de seguridade vial, como certos accesos á N-120 desde parroquias ou a inexistencia de arcéns en moitas estradas. A asociación de maiores tamén solicitou a utilización da Estación de Autobuses para recoller e deixar aos viaxeiros das excursións que organizan habitualmente.